Samos, 4 de outubro de 2023. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia “o gasto desorbitado do goberno bipartito en cuestión de tres meses”; xa que é a segunda ocasión na que aproba incorporar remanentes que suman 80.000 euros. Así o traslada o popular trala celebración dunha reunión da Comisión de Contas na que se aprobou unha nova modificación de créditos de 42.000 euros.
Os concelleiros do PP pregúntanse “como é posible que a alcaldesa diga que non hai fondos no Concello se en 100 días de goberno non deixa de gastar cartos” e “aínda non sabemos en que se invisten”.
Ante as peticións que fai a oposición para coñecer as facturas e expedientes, “a alcaldesa respóndenos ou ben con evasivas ou negándonos a existencia de ditas facturas que despois aparecen misteriosamente computadas”. É por iso polo que condenan “a opacidade do goberno local”.
Ademais, Gallego incide no “intento da rexedora nacionalista de enganar aos veciños con notas de prensa nas que inclúe datos manipulados ou pouco precisos para encubrir a súa falta de xestión e o despilfarro de cartos”.
PERDA DE SUBVENCIÓNS E ESCUSAS
“Non sabemos en que se gastaron eses cartos, pero si sabemos que xa perderon máis de 30.000€ en subvencións”, apunta Gallego.
O portavoz popular incide en que “o bipartito debería coordinarse á hora de botar culpas e poñer escusas para non atender ás demandas dos veciños” porque o concelleiro de Deportes responde aos veciños cando lle piden obras que “non se poden facer porque os cartos do remanente están para catástrofes”. É por iso polo que “tamén nos gustaría saber a que tipo de catástrofes se refire”.