A Mariña, 29 de setembro de 2023. Os populares da Mariña unen forzas para esixir ao Ministerio de Transportes que finalice “na maior brevidade” as obras no “socavón da vergoña” na N-642, unha infraestrutura clave para esta comarca. “Non hai avances a un ritmo razoable nin o Ministerio ten concretado unha data na que podería estar restablecida a normalidade na vía” polo que consideran que “é un insulto para A Mariña e pedimos aos alcaldes do PSOE que se unan á nosa reivindicación”.
Dende o PP condenan que “o Goberno de Pedro Sánchez non lle dea a esta obra a prioridade que merece para garantir a recuperación da circulación no conxunto desta estrada “en condicións de normalidade, vialidade e seguridade” e piden “axilidade” tendo en conta que “levan oito meses en obras” obrigando aos usuarios a circular por un desvío provisional á altura do acceso a Burela dende Foz que está a ocasionar moitas incomodidades e prexuízos, en especial a veciños e transportistas.
A reparación da fochanca e a posterior reposición da estrada presentouse desde o Ministerio como unha “actuación de emerxencia”, pero a realidade é que durante o verán e nas últimas semanas as obras están practicamente paradas ou cun ritmo extremadamente lento.
VISITA “SOBRE O TERREO” DE CARGOS POPULARES
Para visualizar a súa protesta os populares da Mariña visitaron a zona afectada -á altura da praia da Areoura- cunha ampla delegación encabezada pola presidenta provincial e deputada, Elena Candia, e o coordinador do PP lucense e voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego, José Manuel Balseiro; ademais de alcaldes e portavoces que avanzaron unha ofensiva nas distintas institucións, incluída a presentación de iniciativas en todos os concellos da comarca.
De feito, este mesmo mércores debaterase na Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para que o Goberno de España acometa os traballos pendentes no treito afectado polo socavón. Unha iniciativa similar xa foi obxecto de debate o pasado xoves no pleno do Concello de Burela, a instancias do Grupo Municipal Popular resultando aprobada por unanimidade, cos votos a favor de tódolos grupos da corporación local.
UNHA VÍA SEN ALTERNATIVA
Os populares aseguran que o socavón non só “sacou a relucir os deficientes labores de mantemento e conservación que está a facer o Ministerio nas estradas estatais”, senón que tamén evidenciou “as carencias en materia de infraestruturas desta comarca”. Nese senso lembran que a N-642 é a principal vía da Mariña e carece dun itinerario alternativo “como quedou demostrado cando se produciu este socavón e se intentou desviar o tráfico”. Nese sentido, precisaron que “se lle debe ao Goberno de Pedro Sánchez a paralización da autovía A-74 entre A Espiñeira (Foz) e Castelo (Cervo)”, un proxecto que só existe no papel e que desde Moncloa teñen esquecido desde o punto de vista administrativo e orzamentario.
“Esta situación non é allea ao que está a ocorrer no resto de Galicia e da provincia coas as infraestruturas que dependen do Estado: con Pedro Sánchez, Galicia perde sempre”, conclúen.