Hai só tres días, no pleno ordinario do martes, o presidente da Deputación José Tomé afirmaba que “non ía construír nin un quilómetro máis de estradas provinciais” porque o ente provincial tiña que destinar os recursos a outro tipo de intervencións máis necesarias.
Pero hoxe, na xunta de goberno provincial, o presidente Tomé aprobou a sinatura dun convenio entre o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para a realización por parte do Ministerio do novo vial que conectará a N-120A e a N-120 e a súa cesión posterior ao Concello de Monforte. Un acordo polo que o Mitma aporta 6.750.000€, a Deputación de Lugo 500.000€ e o Concello de Monforte 250.000€.
Un acordo que se materializa tres días despois de que Tomé afirmase que non “ía destinar recursos provinciais a facer un só quilómetro máis de estradas”.
Antonio Ameijide amosouse contundente coa actitude de José Tomé e afirmou que “o presidente da Deputación non pode quedarse con todos os trozos da tarta e ademais roubar a merenda aos demais”.
O voceiro popular explica que “sendo conscientes de que se trata dunha actuación necesaria” non é menos certo que o presidente da Deputación “non pode pensar unicamente no seu beneficio persoal e destinar todos os fondos a Monforte, nunha clara discriminación co resto de concellos, confirmando así o que lle diciamos esta semana, que os socialistas usan a Deputación de Lugo para pagar e impulsar carreiras políticas dos seus”.