Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria considera que «os 100 primeiros días de mandato evidencian a falta de xestión, previsión e control por parte do goberno de Garrido»

Sarria, 27 de setembro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Sarria condena a “total falta de previsión, xestión e control por parte do goberno de Claudio Garrido” no eido económico e financeiro. Os populares fan balance dos 100 primeiros días do mandato nos que “se evidencia a fuxida cara adiante do rexedor que en lugar de xestionar debidamente os ingresos e as subvencións, pide novos préstamos que endebedan aínda máis ao noso Concello”.

A voceira, Carmen José López, non entende “ata que punto o alcalde quere endebedar ao Concello. Se o déficit do Concello de Sarria era duns 9 millóns de euros a final do pasado mandato, agora supera os 10 millóns e o último informe de Intervención segue alertando da senda de crecemento de gasto”, explica. “Pero aínda así, o alcalde plantexa un novo préstamo de 555.000 euros para facer fronte a un investimento que, supostamente, xa estaba previsto”.

Segundo os datos do Ministerio de Hacienda, Sarria é o segundo municipio da provincia que máis aumentou a súa débeda nun ano. De feito, a maior parte da débeda actual do Concello de Sarria débese á operación de crédito no ano 2022 por importe de 991.900 euros.

DESCONTROL NOS INGRESOS E PERDA DE SUBVENCIÓNS

Os populares engaden, ademais, que “a falta de control queda de manifesto coa perda de subvencións -como, por exemplo, parte da achega da Xunta para financiar os servizos do CIM-, a situación do matadoiro e o descontrol sobre a recadación das feiras, que coñecemos tras saír á luz que “o Concello estaba a cobrar as taxas a uns feirantes si e a outros non. O alcalde non sabe o que recada”, condenan.

López sinala que “neste tempo fóronse descubrindo moitas das cousas que Garrido tratou de tapar durante a campaña electoral das pasadas eleccións municipais”.