Partido Popular de Lugo

Castiñeira: «Cajoto fracasou no seu intento de restar protagonismo ao pleno extraordinario solicitado polo PP para analizar o tema da auga»

Foz, 27 de setembro de 2023. O voceiro popular de Foz, Javier Castiñeira, asegura que “Cajoto fracasou no seu intento de restar protagonismo ao pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal do PP para analizar o tema da auga intentando adiantar dous días un pleno ordinario que se debe convocar para os últimos xoves do mes”. Nese sentido, engade ademais que “non respectou os dereitos dos concelleiros dos grupos da oposición ao non entregar a documentación no tempo adecuado polas presas do señor Cajoto e, polo tanto, era nulo de pleno dereito. Non podiamos permitilo porque se trata dun pleno no que se teñen que abordar asuntos importantes”.

Castiñeira explica que algún dos acordos que se adoptarán están relacionados coa residencia e o concurso “polo que estamos a falar de millóns de euros” e, incluso, sobre “recoñecementos extraxudiciais de facturas”. Nese sentido, o popular subliña que “ben merecen un pleno único, debidamente convocado e para o que os concelleiros dispoñamos de documentación para facer a nosa labor”.

Os populares amosan a súa satisfacción porque finalmente se cambiara a data para a celebración do pleno ordinario con todas as garantías e agardan que “desta volta si nos entreguen a documentación”. O voceiro popular indica que “o PP non está disposto a seguir sufrindo como sufrimos nos últimos catro anos esa prepotencia do señor alcalde que non é nin democrática nin positiva para a corporación municipal de Foz”.