Foz, 26 de setembro de 2023. O Partido Popular de Foz demanda unha vez máis: “solucións”. O voceiro, Javier Castiñeira, explica que “levamos 42 días sen poder beber a auga da traída municipal: 42 días nos que os 10.000 veciños de Foz teñen que comprar auga embotellada para poder beber”.
O popular sinala que “os veciños, loxicamente, queren información: datos de hixiene e saúde e, sobre todo, información de como poden pedir danos e prexuízos” ante esta situación.
Castiñeira explica que “unha poboación de 10.000 habitantes, en 42 días, a un consumo mínimo de 2 l/persoa estamos a falar de 1 millón de litros de auga embotellada consumida que, a unha media de 75 céntimos, aproximadamente, suporía 750.000 euros de custe”. O popular incide en que “alguén debe asumir este gasto, pero non poden ser os propios usuarios que levan anos pagando os seus recibos”.
Ademais, engade que “levamos moitos meses nos que a auga vén moi turbia e esas non son as condicións normais dun subministro, un servizo municipal que depende do equipo de goberno”.
Os populares insisten en que “seguimos sen contestación”; senón que o equipo de goberno local “alonga os prazos demostrando o seu pasotismo e que non é capaz de asumir as súas propias responsabilidades”. Nese sentido, “o Partido Popular seguirá presionando para que se depuren as responsabilidades: xa sexa o equipo de goberno ou a propia concesionaria”.
CONTRATO 4 ANOS CADUCADO
Castiñeira recorda que “leva máis de catro anos o contrato caducado e os señores do equipo de goberno non fixeron ningunha xestión”. Así, explica que coa renovación do contrato “si se podían pedir as melloras das instalacións que necesita a infraestrutura de abastecemento de Foz. Perdemos catro anos e, lamentablemente, imos a perder moitos máis todos os focenses”.