Partido Popular de Lugo

O PP de Foz acusa a Cajoto de non asumir as súas responsabilidades ao querer encubrir a nefasta xestión na crise da auga co pleno ordinario de setembro

O Partido Popular de Foz critica as formas do alcalde do municipio que “para tapar as súas vergoñas e non asumir responsabilidade algunha” algo para o que mañá martes celebraranse, de xeito consecutivo, dous plenos moi importantes “para así tentar escorrer o bulto”.

Javier Castiñeira explica que, cando se conformou a corporación municipal, un dos acordos realizados foi o de celebrar o último xoves de cada mes o pleno ordinario, algo que este mes non vai a respectar. “Cajoto determina que no mesmo día se celebren o pleno extraordinario e o ordinario porque non ten argumentos para defender a súa nefasta xestión á fronte da crise co abastecemento de auga potable”, denunciou.

Deste xeito, mañá martes celebrarase dous plenos —o ordinario de setembro e o extraordinario solicitado polo Partido Popular— sendo esta a estratexia do alcalde para tentar “pasar páxina de dous clamorosos erros da súa xestión”. Por unha banda, a nefasta xestión da crise da auga e, por outra, a suba de prezos que quere impoñer o alcalde de Foz na residencia de anciáns do municipio.

“Por que fai iso o alcalde: para tapar a súa nefasta xestión co problema da auga, onde o único que fixo foi ser a voz da empresa concesionaria do servizo”, afirmou Castiñeira, que pregunta que “a que lle ten medo o señor Cajoto. Por que non se poden celebrar os plenos como tiña que ser, un o martes e outro o xoves? Por que atrasou tanto o pleno extraordinario que solicitou o Partido Popular para aclarar o que realmente sucedeu co abastecemento de auga potable?”.

O único que está claro é que despois de estar parte de agosto e todo o que levamos de setembro sen auga potable é que non hai solucións por parte do goberno local, máis alá de recomendar a compra de auga embotellada. “Non se asumiron responsabilidades, algo ao que nos ten acostumados o señor Cajoto, que nunca asume nada. A culpa sempre a teñen os demais”, criticou.

Dende o PP de Foz denuncian que non se trata dunha situación nova. No mandato pasado xa vivimos esas cacicadas de mover os plenos —último xoves de cada mes— á conveniencia única e exclusiva do señor Cajoto. “Volve a ser unha falta de respecto máis, das múltiples ás que nos ten acostumados o alcalde. Unha falta de respecto a todos os veciños xa que non asume os graves problemas que todos sufrimos no municipio”.

“Unha actitude lamentable a do alcalde, como tamén a de aqueles concelleiros que llo permiten, como os edís do BNG, que no mandato pasado demostraron que son submisos políticos do señor Cajoto e seguen na mesma liña”, rematou.