Sarria, 22 de setembro de 2023. A voceira do Grupo Municipal Popular de Sarria, Carmen José López, condena “a falta de vontade” do goberno local para lograr a desafectación das vivendas dos mestres situadas nos terreos do CEIP Frei Luis de Granada que permitirían cambiar o uso desas instalacións abandonadas e dotar de seguridade a zona. Os populares urxen a realizar os trámites oportunos para dar solución definitiva á insalubridade e inseguridade deste espazo.
Así o trasladan logo de ser coñecedora de que o Concello de Sarria recibiu un segundo requirimento para achegar documentación á Xunta para acadar a desafectación das vivendas e a súa titularidade. “Ao non entregar a documentación necesaria, o goberno local asegúrase que non se desafecten. Está a entorpecer un trámite que permitiría avanzar nunha solución e evitar problemas á comunidade educativa e aos veciños que pasen polo entorno”, explica a popular.
Ante a situación ruinosa das vivendas que supoñen un perigo para a comunidade educativa e a situación de insalubridade pola presenza de ratas, sucidade, lixo, etc. o Grupo Municipal do PP presentaba en marzo unha moción pola vía de urxencia para tomar medidas de forma urxente para garantir a seguridade na zona e impedir o acceso de persoas ao interior das vivendas, pero tamén para ofrecer unha solución definitiva que, ademais, responde a unha proposta dos veciños.
Carmen José López asegura que “é imprescindible conseguir a desafectación das antigas vivendas dos mestres para poder dedicalas a outros usos. Só dese xeito poderían ser transferidas ao Concello para, posteriormente, proceder ao seu derribo ordenado para construír, no espazo que ocupan na actualidade, un parque público municipal cuberto”.