Partido Popular de Lugo

O PP de Xermade pide un desbroce “ordenado” para “garantir o mantemento das pistas en tódalas parroquias” e realizar labores de conservación no edificio da biblioteca

Xermade, 20 de setembro de 2023. O Grupo Municipal do PP de Xermade pediu ao goberno local un cronograma para realizar os desbroces das pistas municipais de “xeito ordenado e eficiente” de forma que se garanta “un correcto mantemento de todas as parroquias” e se aproveiten os recursos públicos coma, por exemplo, o combustible dos tractores.

Os populares explican que “actualmente o Concello de Xermade realiza o desbroce nas marxes das vías municipais de forma anual”, pero consideran que se trata “dunha frecuencia insuficiente, xa que na primavera e época estival a maleza acelera o seu crecemento e, nos lugares onde está sen rozar, pode dificultar a visibilidade dos condutores”.

ARRANXAR A BIBLIOTECA MUNICIPAL

Os concelleiros do PP de Xermade instaron ao goberno local socialista no pleno do pasado xoves a arranxar os danos no edificio da biblioteca municipal que alberga a casa-niño ante o seu estado de abandono. Os populares sinalaron que incluso hai goteiras, ademais de presenza de hedras que reducen a entrada de luz a través das ventás e outros signos que demostran a falta de conservación do inmoble. É por iso polo que piden o seu arranxo, pero tamén desenvolver con frecuencia labores de limpeza na edificio e no seu entorno.