Sarria, 20 de setembro de 2023. Con motivo do Día Mundial do Alzhéimer que se conmemora cada 21 de setembro, o Grupo Municipal do PP de Sarria esixe ao goberno local a recuperación dos obradoiros de estimulación cognitiva ás persoas afectadas polo alzhéimer ou outras enfermidades afíns.
A voceira, Carmen José López, condena que o goberno local “non amose a sensibilidade suficiente cara as persoas afectadas por esta enfermidade e os seus familiares e coidadores” porque “estamos a falar dun servizo de gran valor tanto para os usuarios como para as familias, ao tratarse dun recurso que permitía un descanso na súa condición de coidadores durante o horario da actividade”.
A través dun convenio de colaboración entre o Concello de Sarria e a Cruz Vermella, era esta última a que ofrecía dende o ano 2001 e ata o estado de alarma decretado pola pandemia da covid-19 actividades de psicomotricidade ou terapia manual. Pero, «o Concello ten pendente de pago preto de 90.000 euros á Cruz Vermella correspondentes a tres anualidades; unha situación que condiciona a viabilidade económica e limita a capacidade da entidade para continuar prestando servizos de interese para o noso municipio”.
O Grupo Municipal Popular lograra aprobar no pleno (cos votos a favor de tódolos grupos, excepto o de Camiña Sarria) unha proposta para adoptar as medidas administrativas oportunas para proceder ao pago das liquidacións pendentes á Cruz Vermella co fin de posibilitar que a entidade continúe coas accións e servizos recollidos no convenio. Nese sentido, López lamenta que “esta sexa outra proposta máis das aprobadas polo pleno que o goberno local deixa nun caixón”.