Luns, 18 de setembro de 2023. Os afeccionados do Pazo Provincial dos Deportes xa están cansos das reiteradas promesas incumpridas por parte do goberno da Deputación de Lugo e onte, antes da final da Copa Galicia de Baloncesto, pediron a dimisión de Efrén Castro, vicepresidente provincial e responsable da área de Deportes.
Tanto o Grupo Provincial do PP como os afeccionados lucenses levan anos demandando un correcto mantemento do Pazo dos Deportes e dos anexos, situación que non se deu “de aí as deficiencias e necesidades existentes nestas instalacións”.
Entre os traballos que urxe realizar están:
- Instalación das cadeiras que a ACB esixe ter no pavillón
- goteiras
- climatización
- arranxo das deficiencias do aparcadoiro
- problemas de humidades e goteiras nos anexos
- dotar de vestiarios aos anexos para que os usuarios poidan dispoñer deste servizo ou que accedan aos do Pazo para mudarse de roupa e asearse despois de adestramentos ou competicións
Antonio Ameijide afirma que o vicepresidente non pode escudarse “nos prazos das tramitacións legais” porque a realidade “é que levan anos mirando cara outro lado, sen facer nada e agora poñen escusas de mal pagador”.
Dende o Grupo Provincial Popular realizaranse preguntas no vindeiro pleno para coñecer os motivos dos atrasos nas obras, “que semellan inxustificados”, e que poden carrexar multas económicas para o Breogán e os outros clubs que tamén empregan esta instalación para disputar os seus encontros oficiais.