Partido Popular de Lugo

O goberno bipartito de Samos négase a retirar as árbores caídas en camiños públicos municipais

Samos, 16 de setembro de 2023. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, condena que “o goberno bipartito se negue a cumprir cos labores que son da súa competencia”, como é o caso de manter en servizo as vías municipais para “favorecer a vida diaria dos veciños e veciñas”.

O popular explica que “dende fai uns días hai árbores caídas nun camiño público da aldea de Frollais que impiden o paso do gando e da maquinaria”. Tralo aviso por parte dos veciños da zona ao Concello para que procedera a retirar as árbores, !a alcaldesa sinalou que non sabía nada dese asunto e o concelleiro de Cultura e Deporte aseguroulles que o Concello non prestaba ese tipo de servizo”. A este respecto, Gallego pregúntase “para que hai un concelleiro de Medio Rural” ao entender que “debería ser el o que se ocupara destes asuntos”.

Gallego lamenta que “o bipartito quite servizos que se viñan prestando aos veciños, que se amosan sorprendidos porque era o Concello o que se encargaba de retirar as árbores que dificultaban o paso por camiños municipais. Agora a cousa cambiou e piden que sexan os propios veciños os que as retiren”.

RETROESCAVADORA SEN USO

Desde o Partido Popular de Samos non entenden como non se presta este tipo de servizo tendo en conta que “o Concello dispón dunha retroescavadora nova que se atopa parada no garaxe sen usar”.