A Pobra do Brollón, 15 de setembro de 2023. O Partido Popular de A Pobra do Brollón pídelle ao alcalde da localidade que o Concello non lles cobre aos veciños os días que continúen sen subministro de auga potable, e lembra que a situación que están a vivir “é insostible”.
“O problema que temos non é novo. É obriga do Sr. Maseda solucionalo. Levamos meses advertíndollo porque este servizo é de competencia exclusivamente municipal”, remarca. Recentemente, no pleno, así llo trasladou ao alcalde o voceiro do PP, quen xa alertaba “do panorama que temos”, como tamén fixo meses atrás, logo de que o rexedor recoñecese no bando emitido no mes de maio que a auga traía moito lodo.
É obriga do alcalde dar unha solución
Dende o PP, e en aras de ser útiles aos cidadáns, o que se pretende é que dende a entidade local non se deixe prolongar esta situación máis e se busquen solucións ben sexa coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou incluso con outras administracións, poñendo en valor así que a Xunta de Galicia dispón de axudas aos Concellos para auditar as redes de abastecemento que permitan controlar as fugas e outras destinadas ás comunidades de augas.
“O Sr. Maseda ten que dar unha solución. As queixas dos veciños son razonables e o que merecen é que se atalle o problema. Aquí non valen escusas. Xa lle dixemos en maio que o que sae polas billas non é incoloro, como ten que ser a auga, senón un líquido de color marrón. Existen fórmulas para ter a solución. É cuestión de vontade política facelo ou non”, remarca.
Á vista de tan grave problema, Teddy López, insiste en que o subministro de auga potable é unha obriga dos Concellos. E para elo teñen que ter as infraestruturas necesarias para asegurar a captación, potabilización e distribución nas debidas condicións. “Está claro que o alcalde da Pobra do Brollón non fixo os deberes cando tocaba facelos e agora os nosos veciños non poden beber a auga da traída”, conclúe.