Vilalba, 15 de setembro de 2023. O Grupo Municipal do PP de Vilalba incide en que “son os responsables do goberno do Concello os que teñen que solicitar ante a Xunta a creación dun Punto de Atención á Infancia (PAI) que dea resposta á demanda de prazas para a atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos”. É máis, urxen ao bipartito a solicitar en tempo e forma as axudas que convocou a Xunta este 13 de setembro para a construción e ampliación de escolas infantís que dependan dos Concellos de forma que “Vilalba opte á creación dun PAI para o que a Xunta xa amosou a súa vontade”.
Os concelleiros do PP aseguran que “se o goberno vilalbés realmente apoiase ás familias dos nenos e nenas que quedaron sen praza nas escolas infantís e tivese vontade por solucionar o problema, tería actuado xa a finais de xuño cando os pais e nais afectadas se dirixiron tanto ao Concello coma á Xunta para facelos coñecedores da situación”. Nese caso, “o Concello nin remitiu resposta nin mostrou vontade para buscar unha posible solución, mentres que a Xunta trasladou unha resposta inmediata propoñendo a creación dun PAI de forma extraordinaria -porque este servizo se dirixe a concellos de menos de 5.000 habitantes- como se fixo noutros concellos onde había demanda”.
Os populares lembran que “o Concello é quen de saber o número de nacementos previamente á matricula na escola infantil, polo que xa podía prever esta situación”. E, aínda así, “non foi quen de comunicalo á Xunta en tempo e esperaron a que uns pais e nais se viran co problema enriba”, lamentan.
NON É POSIBLE HABILITAR UNHA AULA NA GALIÑA AZUL
Dende o Grupo Municipal Popular, que seguiron de preto as demandas dos pais e nais afectados, indican que “non é certo que se solicitara reunión coa Xunta. O Concello só se enviou un escrito solicitando a habilitación dunha aula na Galiña Azul”.
Os populares advirten que “a normativa non permite a ampliación da Galiña Azul, tal e como solicitaba a concelleira Marta Rouco, que pretende que se habilite unha aula nun espazo reducido, que non conta coas medidas pertinentes, e que carece de luz natural e ventilación”. Ademais, “esta opción non sería unha solución porque a creación dunha aula dentro da Galiña azul debería destinarse a un rango concreto de idade e, polo tanto, seguirían a quedar nenos e nenas fóra”. No caso do PAI, que acolle a nenos e nenas de 0 a 3 anos nunha aula mixta, “si atendería as demandas de tódalas familias”.