Partido Popular de Lugo

O PP insiste en recuperar a Casona do Incio, «abandonada dende fai máis de 16 anos polos gobernos provinciais do PSOE e BNG»

Luns, 21 de agosto de 2023. O Grupo Provincial Popular urxe ao goberno da Deputación de Lugo a dar pasos en firme para facer realidade a recuperación e posta en valor da Casona do Incio, un inmoble histórico situado na Cruz do Incio e de gran valor para os veciños e veciñas que se atopa “en estado ruinoso como consecuencia de 16 anos de abandono por parte dos distintos gobernos socialistas e bipartitos (PSOE-BNG) na Deputación Provincial”.

O portavoz, Antonio Ameijide, -que visitou O Incio acompañado pola viceportavoz, Carmen José López, e o alcalde do municipio, Héctor Corujo- amosou a súa decepción e preocupación polo estado da Casona. Tal e como poden apreciar veciños e visitantes dende as súas inmediacións, “os tellados das distintas edificacións están practicamente caídos na súa totalidade, está en risco a propia estrutura do inmoble e pon en perigo incluso aos veciños que pasen polo entorno”.

“A Casona do Incio é outro exemplo máis do total abandono dende o bigoberno provincial aos concellos que non gobernan nin PSOE nin BNG. Ademais non só se está abandonando o patrimonio de toda a provincia, senón que expoñen á Deputación Provincial a ter que asumir multas coercitivas ou unha execución subsidiaria pola desidia de José Tomé e o seu goberno”, manifesta Ameijide.

Coa chegada dos gobernos do PSOE e o BNG á Deputación, o convenio firmado polo goberno do PP co Concello no ano 2006 para a rehabilitación da Casona do Incio quedou nun caixón. Os populares teñen reclamado en numerosas ocasións que se cumprira o acordado, en consonancia co que queren os veciños que no 2018 se manifestaron contra a súa demolición, pedindo a súa rehabilitación. Distintos gobernos provinciais prometeron a súa recuperación no 2015, ante a caída de parte do inmoble, e tamén no 2019 -ambos anos electorais-, pero “non cumpriron a súa palabra”. Ameijide considera que “é un claro desprezo aos veciños do Incio”.

O Grupo Provincial Popular volvía reclamar a súa rehabilitación no pleno de xullo do 2021 e, “tras aceptar unha emenda conxunta do PSOE e do BNG coa que o propio goberno recoñecía o abandono da Casona, o pleno aprobou o seu apuntalamento, como medida preventiva para evitar o seu derrubamento e os danos aos inmobles lindeiros”. Eses traballos remataron a comezos deste ano, pero “dende o PP temos moi presente a necesidade da rehabilitación integral desta emblemática construción”, matiza o portavoz.

Ameijide lembra que “os fondos que Suplusa deixou á Deputación trala súa extinción -máis de 4,3 millóns de euros- deberían empregarse en poñer en valor o patrimonio e cumprir cos convenios asinados cos Concellos”.

O popular pon en valor os proxectos que se propón o goberno local do PP para a mellora de espazos públicos, tendo moi en conta a necesidade de recuperar a Casona para impulsar a Cruz do Incio. “Isto podería supoñer, ademais, un revulsivo para unha zona con gran potencial turístico”.

Pola contra, Ameijide condena “a falta de colaboración” por parte do goberno da Deputación que mantén “paralizada esta actuación”. “Co seu abandono e as políticas de mirar para outro lado, o goberno provincial está a lastrar o desenvolvemento do concello”, manifestou o portavoz. Nese sentido, cre que PSOE e BNG deixan claro así “o seu pouco interese en impulsar aos pequenos concellos do rural da provincia”.

CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO PROVINCIAL

Os populares urxen ao goberno provincial que preside Tomé a rehabilitar a Casona do Incio e “cambiar as súas políticas en relación á conservación do patrimonio da Deputación de Lugo” á vista de que deixou caer a Casa da Botica, en Guitiriz.