Sábado, 19 de agosto de 2023. O Grupo Provincial Popular urxe ao goberno da Deputación de Lugo a repoñer a instalación do alumeado público no polígono industrial de Paradela, un servizo básico para favorecer o asentamento de empresas.
O portavoz, Antonio Ameijide, e a viceportavoz, Carmen José López, xunto ao alcalde da localidade, José Manuel Mato, visitaron esta área industrial propiedade da extinta Suplusa que conta cunha superficie total de 19.133 m2 divididos en 17 parcelas.
Ameijide considera “inaceptable” que “os responsables da Deputación aínda non repuxeran o material dende o roubo da acometida eléctrica, do que fai arredor de cinco anos segundo os veciños”. Este ano, finalmente, “o goberno provincial recoñeceu as deficiencias desta área industrial procedendo á adxudicación das obras e, aínda así, a realidade é que polo momento esta área industrial continúa sen contar co servizo de alumeado público”.
O popular condena que o goberno da Deputación que preside o señor Tomé lle “dea as costas a algo tan simple coma a reposición do alumeado dun polígono empresarial”. E engade que “a falta de implicación do bipartito provincial co desenvolvemento das áreas empresariais contrasta coa iniciativa do goberno local do Partido Popular que impulsou un viveiro de empresas que se atopa totalmente ocupado e xera ducias de postos de traballo”.
Ameijide considera que “esta deixadez é un exemplo do interese do bipartito da Deputación por poñer en valor os polígonos industrias para facelos atractivos de forma que atraian empresas para o asentamento de empresas”. Nese sentido, considera que “o desenvolvemento dos concellos do rural é fundamental para o asentamento de poboación na nosa provincia”.
O Grupo Provincial Popular tamén pide maior implicación da Deputación de Lugo no mantemento do polígono de forma que contribúa a facelo máis atractivo para o asentamento de empresas no municipio.