Barreiros, 14 de agosto de 2023. Hai poucas datas, dende o PP de Barreiros solicitouse a activación dun dispositivo especial de limpeza das praias para trocar a imaxe que estaban a denunciar veciños e turistas, que atopaban os areais sucios, “o que se traducía nunha mala imaxe do municipio”.
A resposta dada polo goberno local de Barreiros foi “criminalizar e apuntar” a unha das persoas que presentou unha reclamación por escrito ante o propio concello pola imaxe dos areais. “Un goberno local eficiente e serio, atendería a petición e daría unha resposta a esta persoa. Pero o que fixeron foi atacala publicamente”, denuncia o voceiro popular, José Manuel Gómez Puente.
Neste senso, Gómez Puente insta ao goberno de Barreiros “a atender con dilixencia todas as peticións e reclamacións, veñan de amigos ou non”.
Dende o PP de Barreiros instan ao goberno local a iniciar un dispositivo especial de limpeza dos areais, xa que o equipo actual “pese a o gran traballo que realizan, precisa dunha axuda para poder manter limpo o municipio”.
SITUACIÓN PRAIA DE COTO
José Manuel Gómez Puente tamén pide ao Concello de Barreiros que teña especial atención coa praia de Coto. Trátase dun dos areais máis amplos do municipio e con accesos adaptados a persoas con algún tipo de discapacidade, polo que congrega a moita xente.
Por iso os populares consideran preciso realizar un correcto mantemento da zona, xa que, por exemplo, nun dos accesos “unha das táboas non está ben colocada e, pese a que hai 15 días pedimos que se arranxase non se solucionou” impedindo o correcto acceso ao areal.
Tamén, á altura do punto de socorrismo, hai outras táboas danadas que “provocaron a caída dunha persoa, á que tiven que atender eu mesmo xa que se mancou”, indica José Manuel Gómez Puente. Tamén deberían revisarse as duchas, sobre todo agora que hai restricións de abastecemento, para evitar perdas innecesarias de auga.