Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria denuncian “as malas praxes” de Claudio Garrido á fronte do Concello de Sarria despois de ver como hoxe o rexedor convocou un pleno con só 5 horas de marxe (notificou o pleno ás 8 da mañá, convocándoo para as 13:30 horas) e sen xustificar debidamente a urxencia do mesmo.
A voceira popular en Sarria, Carmen José López, denunciou que, unha vez máis, “quedaron patentes as malas formas de Garrido á fronte do Concello de Sarria, unhas dotes máis dun ditador que dun alcalde demócrata”, ao convocar un pleno cunha antelación mínima “co único obxectivo de tentar tapar unha nova neglixencia do seu equipo de goberno porque o único que quere é convalidar unha modificación do contrato do alumeado público que tiña que ter levado a pleno hai 6 meses”.
Dende as filas populares lamentan que Garrido aproveite as vacacións de varios concelleiros para aprobar esta modificación do contrato do alumeado público “o que evidencia unha vez máis a súa minoría á fronte do goberno e a súa falta de capacidade para dialogar e buscar acordos que beneficien a toda a veciñanza”.
A voceira popular sinala que estamos ante “un verdadeiro ataque á democracia, un xeito de actuar totalmente inaudito e unha falta de respecto a todos os veciños representados polos grupos da oposición”.
Carmen José López realiza esta denuncia xa que “o alcalde expón a todos os veciños á perda dunha axuda de 3M€ para o contrato de alumeado público xa que tenta cubrirse ás costas tras realizar á marxe da legalidade unha serie de modificacións nas condicións do contrato”. “O único que quere é cubrir a súa mala praxe e as súas neglixencias na xestión”, denunciou.
Dende o PP recordan que Garrido xa tentou convocar este pleno no mes de xullo, pero tivo que anulalo porque había 3 informes de técnicos municipais (da responsable do contrato, de secretaría e de intervención) alertando das irregularidades que pretendía elevar a pleno e que a modificación do contrato podería estar afectada por unha nulidade de pleno dereito, o que podería desembocar na perda desa subvención de 3M€.