Lugo, 28 de xullo de 2023. Hai unha década que a Deputación de Lugo, da man do seu expresidente José Ramón Gómez Besteiro, anunciaba o plan Innovate, cunha contía económica de 24M€, para avanzar na dixitalización dos municipios da provincia. Un plan que, dez anos despois, foi un auténtico fracaso.
Agora, unha década despois, José Tomé tenta emular “ao Messi dos socialistas galegos” cun novo plan de dixitalización, nesta ocasión de 4M€ (3.731.847,98€) que “agardamos de verdade sirva para axudar a todos os concellos beneficiarios dos fondos, en lugar de ser outro fracaso”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, insiste en que Tomé “non debe seguir os pasos do señor Besteiro e ten que preocuparse realmente por axudar á dinamización e desenvolvemento dos municipios da provincia de forma igualitaria, en lugar de beneficiar unicamente a aqueles gobernados por PSOE ou BNG”.
Un recordatorio que o voceiro popular fai ao presidente da Deputación, sobre todo tras ver como nos últimos días Tomé lanzou diversas mensaxes solicitando un adianto electoral. “Realmente no PSOE queren un adianto electoral tras ver como o pasado domingo perderon o 50% dos deputados nacionais que tiñan en Lugo e a 39.000 votos do PP. Igual o que queren é que o ‘Messi socialista de Lugo’ volva estrellarse tras ver como quedaron a 30 puntos do Partido Popular na provincia de Lugo”, explicou.
Os datos das eleccións do pasado domingo amosan que o Partido Popular subiu 30.000 votantes na provincia. “Están seguros no PSOE de Lugo que e interesante para eles un adianto electoral en Galicia tras ver como Besteiro agora terá que viaxar só a Madrid”, sinalou.