Partido Popular de Lugo

Mariña Gueimunde tilda de “lamentable” que a primeira medida do goberno PSOE-BNG en Viveiro sexa elevar a 136.000 euros os custes salariais ao duplicar as dedicacións exclusivas

Viveiro, 28 de xullo de 2023. A portavoz do Grupo Municipal Popular de Viveiro, Mariña Gueimunde, non dá crédito a que o PSOE e o BNG que só suman oito concelleiros, tomen coma primeira medida duplicar as dedicacións exclusivas elevando o custe salarial do goberno municipal ata os 136.000 euros: “É lamentable que nun tema tan sensible, e estando en minoría, sexan tan prepotentes que nin sequera tenten falar antes coa primeira forza en concelleiros”. Así mesmo, engade: “din nos medios que queren consensuar temas coa oposición, e ante a primeira oportunidade que teñen, nun tema delicado que causa moita controversia, toman unha decisión unilateral sen ter os apoios suficientes”.

A portavoz popular non se opón a que a Alcaldesa e a tenencia de Alcaldía manteñan as dúas dedicacións exclusivas “cun salario á altura do que significa ser Alcaldesa do terceiro municipio da provincia”, pero matiza que “o que é moi difícil de apoiar son as outras dúas dedicacións, que só teñen por obxecto dar resposta a compromisos adquiridos para chegar ao goberno. Os populares sinalan que “pretenden que a metade do goberno viva do erario público, sen unha xustificación clara e diáfana de onde está a necesidade de xestión, e que só serven para incrementar aínda máis a débeda dun dos concellos máis endebedados de Galicia”.

NON HAI PARTIDA ORZAMENTARIA SUFICIENTE PARA AS DEDICACIÓNS

Mariña Gueimunde explica os reparos técnicos da Interventora Municipal a este incremento “é un informe demoledor, onde advirte que non hai consignación orzamentaria para tanta dedicación exclusiva, e urxe a aprobación dos orzamentos do ano 2023, ou unha modificación dos orzamentos xa existentes que habilite crédito suficiente”.

Nese sentido, a portavoz explica “que unha cidade como Viveiro teña dereito ata a 7 dedicacións exclusivas, non significa nada si non veñen acompañadas dunha partida orzamentaria que non ten». De feito, aclara que “o informe da Interventora di que só está garantida a dedicación da Alcaldesa dende o 1 de agosto ata o 31 de decembro”.


Gueimunde conclúe que “unha vez máis serán os independentes os que determinarán se Viveiro consinte un gasto desa natureza tendo as necesidades sociais que temos no concello”.