Vilalba, 27 de xullo de 2023. O Grupo Municipal do PP de Vilalba considera que “delegar competencias na xunta de goberno local é o mesmo que delegar as competencias no PSOE” e puntualizan que “iso non é o que votaron os vilalbeses” porque “o Partido Popular obtivo unha representación de oito concelleiros e, como forza máis votada, non pode estar apartada das decisións municipais, senón que debemos defender o seus dereitos e intereses. E o órgano onde podemos opinar, propoñer e fiscalizar é o pleno”. Ese é o motivo polo que o Grupo Municipal Popular votou en contra desa proposta no pleno de organización celebrado este mércores: “tarde, con respecto a outros Concellos”.
A voceira, Sandra López, explicou que “o goberno local pretendía aprobar un transvase considerable de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local”. Se ben é certo que “a lei permite facelo, aprobando esa delegación de competencias o poder de decisión teríao o PSOE”. É que o reparto de representantes da xunta de goberno aprobado será de 4 membros do PSOE e 2 de Vilalba Aberta. Polo tanto, o PSOE terá maioría quedando Vilalba Aberta sen poder de decisión co seu propio beneplácito porque “votou a favor deste reparto”. Nese sentido, os populares advirten que “non intenten despois evadir responsabilidades nin culpen exclusivamente ao PSOE das decisións que eles adopten”.
Os populares cren que “a maior representatividade osténtaa o Pleno, e máis dende os últimos resultados electorais, os vilalbeses non queren que sexa o PSOE o que ostente todo o poder de decisión” e “cremos xusto respectar o que os vilalbeses elixiron”.
Finalmente non saíu adiante a proposta do goberno que pretendía quitar competencias ao Pleno integrado pola totalidade dos concelleiros.
PLENO EXTRAORDINARIO
O Concello de Vilalba celebrou esta mañá un pleno extraordinario para a adxudicación do contrato de conserxería e limpeza de centros escolares para o que o Grupo Municipal Popular votou a favor.