Partido Popular de Lugo

O PP pide a reposición da bionda da LU-P-5603 en Samos, caída dende hai dous anos tras un accidente

Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a percorrer os municipios da provincia e o voceiro, Antonio Ameijide, e a vicevoceira, Carmen José López, percorreron Samos co voceiro municipal, Miguel Gallego, quen lles explicou as principais reivindicacións que teñen os veciños.

Durante a visita á Samos, os veciños deste municipio explicaron unha das súas principais reivindicacións, a reposición da bionda na estrada LU-P-5603 no seu primeiro quilómetro. “Hai dous anos que se caeu tras un accidente e non se repuxo, sendo evidente o perigo para calquera condutor que, en caso de accidente, pode caer por un terraplén de varias decenas de metros”, explicou.

Antonio Ameijide afirma que é unha denuncia que xa nos trasladara o voceiro popular no municipio, Miguel Gallego, pero “puidemos constatar a gran preocupación que hai entre a veciñanza xa que todos os veciños cos que puidemos falar nos pediron que reclamáramos o arranxo desta barreira de seguridade”.

Tamén sería preciso dotar esta vía doutras medidas de seguridade por ser unha das estradas máis empregadas polos condutores para os seus desprazamentos, polo que o goberno provincial debe de renovar moitos dos sinais de tráfico danados ou borrados, sen esquecer o aglomerado en quente daqueles tramos máis danados, actuación que tamén sería preciso realizar na LU-P-5601.