Lugo 22 de xullo de 2023. A Deputación de Lugo ten que garantir un reparto igualitario dos fondos e dos servizos dispoñibles a todos os concellos da provincia. Esta é unha das prioridades que anunciaron os deputados do Grupo Provincial Popular na súa toma de posesión e no primeiro pleno deste mandato así o referendarán.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, anuncia que se defenderá unha iniciativa para crear unha mesa de traballo, cunha periodicidade trimestral, na que estean presentes todos os grupos políticos e o persoal que se considere oportuno para que, en primeiro lugar, dea conta de con que concellos colaborou a Deputación Provincial de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos e a relación dos Concellos cos que teñen previsto colaborar durante o presente ano 2023.
Unha vez que o goberno provincial dea conta da colaboración prestada e da que ten previsto dar, para os populares “é fundamental deseñar un plan de colaboración cos Concellos para poñer a disposición de todos os municipios da provincia os medios existentes no parque móbil provincial en base a criterios obxectivos e igualitarios”, para que a distribución dos medios dispoñibles no parque móbil e na programación do traballo teñan preferencia aqueles municipios nos que nunca se actuara ou se fixera na data máis afastada dende a súa posta en marcha, ou por motivos de urxencia e necesidade debidamente acreditados.
Os deputados populares entenden que esta iniciativa debería aprobarse por unanimidade porque que a provincia teña unha rede de infraestruturas viarias en bo estado é fundamental para o desenvolvemento social, económico e turístico.
Son recorrentes as queixas dalgúns alcaldes pola ausencia de resposta ás peticións de maquinaria e equipamentos para realizar estes traballos polo que os deputados populares consideran que é preciso facilitar a posta a disposición dos medios cos que se conta no parque móbil provincial a todos os municipios cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes, xa que a optimización dos recursos pasa, entre outras medidas, pola coordinación e polo necesario entendemento entre administracións.
Os deputados populares rexistraron onte xoves unha solicitude de acceso para poder ver as instalacións, presentarse e así poder falar cos traballadores e comprobar o estado no que se atopa a maquinaria dispoñible en aras a un reparto equitativo para todos os concellos da provincia garantindo sempre a máxima transparencia, pero topáronse coa negativa do goberno provincial que decidiu rexeitar esta solicitude de entrada.