Partido Popular de Lugo

Francisco Conde: «Con Feijóo como presidente do Goberno, máis implicación, máis axilidade no reparto e máis colaboración coas CCAA cando se fale da xestión de fondos europeos»

Lugo, 17 de xullo de 2023. O número 1 da candidatura do PP de Lugo ao Congreso, Francisco Conde, visitou esta mañá na Fundación CEL a aceleradora Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta de Galicia. Durante un encontro con varios dos proxectos participantes, e acompañado da presidenta do Partido Popular na provincia, Elena Candia, para coñecer as últimas novidades sobre este programa, reivindicou que “con Feijóo como presidente do Goberno, haberá máis implicación, máis axilidade no reparto e máis colaboración coas CCAA cando se fale da xestión de fondos europeos”.

O popular defende unha “verdadeira cogobernanza coas comunidades autónomas e un reparto xusto dos fondos europeos”, que son “os criterios que marca Europa e que terían contribuído a que Galicia gozase de máis oportunidades das que tivo ata agora para os seus principais proxectos industrias, como é o caso do Polo Aeroespacial”.

Conde explicou que “o Polo Aeroespacial de Rozas é un proxecto pioneiro en España e que consolida a Galicia e a Lugo como un referente nos vehículos non tripulados”. Ademais, asegurou que esta iniciativa “ten futuro, a pesar de que desde Galicia e desde Lugo vimos como a Administración central nunca fixo unha aposta clara”. “Levamos meses esperando a que o Goberno central impulse este proxecto a través do Perte Aeroespacial, pero esas expectativas non se cumpriron. É un mal endémico que Galicia padeceu con todos os Perte e que, cun goberno presidido polo PP, terá solución”, engadiu.

Para o popular, “a BFAero demostra a importancia de apostar polo emprendemento, a innovación e os sectores emerxentes que están chamados a gañar protagonismo no futuro, como o aeroespacial”. Ademais, destacou que “estes proxectos acaban converténdose en solucións de utilidade para a Administración, mellorando os servizos públicos”.

Esta aceleradora ten neste momento aberto -ata este mércores, 19 de xullo- o prazo para apuntarse á quinta edición, na que está previsto que participen 11 proxectos, que contarán co asesoramento de grandes empresas do sector que traballan da man da Xunta de Galicia -como socias industrias e tecnolóxicas- no Polo Aeroespacial: “É un novo exemplo do modelo galego que queremos levar a toda España”. De feito, “o candidato do PP á presidencia do Goberno coñece ben esta aceleradora e o Polo Aeroespacial porque os seus primeiros pasos escribíronse cando era presidente da Xunta de Galicia”, lembrou Conde.