Partido Popular de Lugo

O PP lucense avoga por conseguir “unha maioría suficiente” para acadar en España un Goberno “para todos” presidido por Feijóo

Monterroso, 16 de xullo de 2023. Os candidatos que encabezan as listas ao Congreso e ao Senado por Lugo, Francisco Conde e José Manuel Barreiro, participaron este domingo nun mitin na zona de Chantada e A Ulloa no que tamén interviu o candidato número 3 ao Senado, Juan Serrano. Os populares avogaron dende Monterroso por “acudir o vindeiro domingo ás urnas para enchelas de votos ao Partido Popular” e conseguir “unha maioría suficiente” para acadar neste país “un Goberno para todos” presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Os populares apostaron por “unha nova etapa na que o rural galego volva estar na axenda do Goberno” e defenderon “levar a nivel estatal o modelo galego do sentidiño”. Así mesmo, pediron “concentrar o voto” no PP como “única alternativa” explicando que “votar á esquerda e aos partidos independentistas é votar por un pacto de perdedores” e “votar a Vox en Lugo é o mesmo que votar a Sánchez porque estariamos quitando ao PP os apoios que precisa para subir en escanos”.

O cabeza de lista ao Congreso defendeu “a xestión que levou a cabo Feijóo en Galicia” porque “foi un referente en toda España”. Nese sentido, explicou que, “igual que o proxecto do Partido Popular, Feijóo é un home a pé de rúa fronte a Sánchez que se move mellor a 9.000 metros de altura, no Falcon que pagamos todos”.

Conde repasou os “cinco anos perdidos en infraestruturas” coma a A-54, a A-56 ou a N-540 onde “o Goberno só acometeu obras de mellora do firme nun quilómetro da travesía de Guntín” despois de “numerosas queixas” polo seu mal estado.

Ao “abandono” da provincia por parte do Goberno de Sánchez en materia de comunicacións, hai que engadir o abandono ao rural. Por poñer un exemplo, “fronte ás declaracións do Ministro de Consumo sobre a nosa carne, Pedro Sánchez non fixo nada porque, ao ser un Ministro de Podemos – Sumar, non ten poder de decisión”. Pero, “fronte aos que critican as nosas granxas, o Partido Popular defenderá o sector e os selos de calidade como a Ternera Gallega”. E, ademais, “comprometémonos a rebaixar o IVE á carne para incentivar o seu consumo favorecendo a produtores e consumidores”.

O número 1 ao Congreso pola provincia defendeu que “a falta de colaboración do Goberno con Galicia cambiará con Alberto Núñez Feijóo na presidencia” e nomeou algunha das propostas do Partido Popular coma a aprobación dunha Lei de desenvolvemento rural que inclúa un Plan de Apoio á España despoboada, un Perte para o sector turístico que inclúa un Plan Renove da hostalería, a redución do IRPF ás rendas máis baixas, aprobar a tarifa 0 para novos autónomos durante o primeiro ano ou o fomento da conciliación das familias que elixan vivir no rural.

A PASTORIZA, A PONTENOVA, COSPEITO, O INCIO E TABOADA

Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado mantiveron este domingo un encontro con gandeiros, participaron nas feiras da Pontenova e Cospeito, explicaron o proxecto do Partido Popular nunha visita ao Incio e coñeceron máis de preto a Cooperativa Aira, en Taboada.