Partido Popular de Lugo

Francisco Conde: «Se goberna Feijóo e o Partido Popular os agravios con Lugo en infraestruturas viarias serán resoltos»

Sarria, 15 de xullo de 2023. O número 1 da candidatura do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, destacou durante un mitin en Sarria no que tamén interviron o cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, e a deputada provincial e voceira municipal, Carmen José López, que “se goberna Feijóo e o Partido Popular os agravios con Lugo en infraestruturas viarias serán resoltos”.

Conde fixo un repaso sobre os incumprimentos do Goberno de Sánchez coas infraestruturas do centro da provincia de Lugo como a lentitude nas obras para rematar a A-54 ou a falta de pasos para iniciar a proxectada A-56. Igualmente, Conde lamentou que “PSOE e Sumar, coa colaboración do BNG desde o seu habitual silencio cómplice, deixaran a Galicia incomunicada coa Meseta”. E, engadiu, “o peor de todo é que perderon un ano por non facer caso a Galicia e ao sector do transporte, que xa avisaran que era preciso reconstruír os dous viadutos á vez”.

O candidato popular avogou por “acadar unha maioría suficiente” para conseguir o cambio, unha nova etapa na que o interior de Galicia volva estar na axenda do Goberno”. De feito, o Partido Popular recolle no seu programa electoral, entre outras cuestións, “rebaixar o IVE á carne, ao pescado e ás conservas, reducir o IRPF ás rendas máis baixas (ata 40.000 euros), mellorar a fiscalidade no rural e aprobar a tarifa 0 para novos autónomos durante o primeiro ano, fomentar a conciliación das familias, aprobar unha Lei de desenvolvemento rural que inclúa un Plan de apoio á España despoboada e promover o relevo xeracional incrementando as oportunidades laborais para mulleres e mozos e mozas”.

Francisco Conde tamén apuntou outras medidas das que se beneficiarían os veciños e veciñas de Sarria e a comarca: “Se goberna Feijóo, o Goberno de España axudará na promoción do Camiño de Santiago, en colaboración coa Xunta; prestará especial atención ao sector turístico aprobando un Perte específico para a modernización dos destinos turísticos que inclúe un Plan Renove da hostalería”.

CONCENTRAR O VOTO NO PARTIDO POPULAR

O cabeza de lista ao Congreso pola provincia destacou que “a forma de xestionar Galicia de Alberto Núñez Feijóo foi un referente en toda España e agora queremos levar o modelo galego a nivel estatal”. E incidiu en que “precisamos unha maioría suficiente para gobernar en beneficio de todos e todas, sen bloques nin bloqueos”. De feito, explicou que “votar á esquerda e aos partidos independentistas é votar por un pacto de perdedores e votar a Vox en Lugo é o mesmo que votar a Sánchez porque quitaría ao PP o apoio que precisa para subir en escanos”. Polo tanto, avogou por “concentrar o voto” porque “o Partido Popular é a única alternativa”.