Partido Popular de Lugo

O PP condena que o goberno local de Vilalba perdera a oportunidade de solicitar axudas para mellorar instalacións deportivas coma o pavillón ou o campo de fútbol da Madalena

Vilalba, 13 de xullo de 2023. O Grupo Municipal do PP de Vilalba lamenta a falta de compromiso do goberno local coas instalacións deportivas e, polo tanto, coas entidades e vilalbeses que as usan para a súa práctica habitual. Concretamente explican que “o goberno local era coñecedor dos problemas de goteiras no pavillón municipal e da necesidade de instalar iluminación no campo de fútbol da Madalena para os partidos do Rácing Club Villalbés; e aínda así non solicitou as axudas da Xunta coas que financian ata un 80% as actuacións de mellora en instalacións deportivas de titularidade municipal”.

Os populares sinalan que esta situación está a causar prexuízos aos clubs locais. No caso do pavillón municipal onde “se taparon no seu momento as goteiras, volveron aparecer nalgúns puntos trala última tormenta”. E, ademais, o Vilalba FS tivo que facer fronte aos gastos ocasionados pola suspensión dun partido de fútbol sala o pasado mes de xaneiro polo que continúa agardando que o goberno local os reintegre; xa que “a suspensión do partido non se debeu a un problema do club”.

Igualmente, explican que “o Rácing leva dous anos avisando de que era preciso cambiar a iluminación. Tras lograr unha prórroga ata a vindeira temporada, e agora que o club vén de lograr o ascenso de categoría, é indispensable que a instalación da nova iluminación estea feita antes de setembro, para o comezo da temporada. Do contrario, o primeiro equipo terá que ir xogar algúns partidos a outro campo”.

Dende o PP inciden en que “o goberno local tiña coñecemento destas necesidades antes de seren convocadas estas axudas. E ao non solicitalas perderon a oportunidade de mellorar as instalacións sen facer fronte ao 100% dos investimento que fora preciso”.

Os populares agardan que a alcaldesa, que neste mandato asumiu directamente a área de deporte e promoción da saúde, “amose unha maior sensibilidade coas entidades deportivas e xestione debidamente as melloras que precisan as instalacións deportivas de titularidade municipal”.

REUNIÓN DE TRABALLO CON ENTIDADES DEPORTIVAS

Membros do Grupo Municipal Popular acompañados pola presidenta do PP local abordaron esta situación con representantes de dous clubs deportivos do municipio -Vilalba FS e Rácing Club Villalbés- durante unha reunión coa que están a dar continuidade ao traballo realizado antes e durante a campaña electoral porque “o noso compromiso é escoitar e trasladar ao Concello as necesidades dos vilalbeses”.