Partido Popular de Lugo

O Partido Popular aposta por un Perte para o turismo que contribúa ao desenvolvemento do sector desde a innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización

Portomarín, 13 de xullo de 2023. O cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, destacou que “o turismo é fundamental para a nosa economía” e con capacidade para seguir mellorando as súas cifras se o seu desenvolvemento se basea na innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización. Acompañado do número 1 do PP por Lugo ao Senado, José Manuel Barreiro, participou nun encontro sobre o sector turístico en xeral e o Camiño de Santiago en particular celebrado en Portomarín; e ao que asistiron alcaldes, portavoces e responsables de empresas relacionadas con este ámbito.

O turístico é un dos sectores onde España ten vantaxe competitiva con respecto aos demais membros da Unión Europea e os mercados internacionais. Representa o 12,2% do PIB e suma 2,4 millóns de empregos, pero aínda non alcanza as cifras anteriores á pandemia. Nese sentido, Conde avoga polas políticas do Partido Popular que poden ofrecer “un horizonte de certeza e esperanza para a economía e a xeración de emprego”.

En Galicia, as previsións para este verán son similares ás do pasado 2022, cunha ocupación de entre o 70 e o 90% para os meses de xullo e agosto. Concretamente, o turismo rural está a recoller bos niveis de ocupación especialmente nalgunhas zonas como, na nosa provincia, A Ribeira Sacra. De feito, nalgunhas rutas do Camiño de Santiago, o nivel de ocupación alcanza xa o 100%. “É unha clara demostración da incidencia das rutas xacobeas no sector turístico en Galicia”, apuntou Conde.

Ademais, o impacto económico sobre o territorio dun peregrino é maior que o dun turista contribuíndo ao reequilibrio territorial, á xeración de tecido empresarial e á fixación de poboación. En concellos como Portomarín, supón máis do 10% do PIB e un incremento da poboación residente tamén en máis dun 10%. Un impacto económico que se suma ao social, onde tamén é moi positivo, xa que a valoración da contorna natural, a interacción cos peregrinos, a seguridade e a relación cos residentes é elevada.

MEDIDAS DO PP PARA O DESENVOLVEMENTO TURÍSTICO

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo explicou en Portomarín algunhas das propostas do Partido Popular dirixidas ao sector turístico, como é a aprobación dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) vencellado ao sector turístico; un Perte específico que contribúa a este compromiso pola innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización.

Esta iniciativa inclúe a rehabilitación, rexeneración e modernización de destinos e posicionamento de activos turísticos estratéxicos; un Perte ao que ademais se uniría un Plan Renove da hostalería española.

O Partido Popular tamén propón reformular a Estratexia de Turismo Sostible 2030 e os programas de Turismo Social e de Termalismo do Imserso; desenvolver, en colaboración co sector privado, plans específicos de desenvolvemento e promoción no ámbito turístico; ou promover a colaboración público-privada para a formación en hostalería.

Igualmente, o programa electoral do PP recolle a elaboración e desenvolvemento dunha lei turística, dentro das competencias do Estado de planificación económica e con respecto ao principio de cooperación, que sirva de marco legal para o impulso deste sector clave na economía galega, de Lugo e de concellos como Portomarín.