Monforte, 11 de xullo de 2023. O PP leva anos denunciando que o alcalde, o socialista José Tomé, prefire investir en maquillaxe urbano que en renovar as redes de infraestruturas hidráulicas, que, como non se ven, pensa que son menos rendibles politicamente. A portavoz popular, Katy Varela, sinala que, lamentablemente, ten que volver a denunciar a maneira que ten Tomé de entender a xestión municipal, porque, tamén unha vez máis, o mal estado da rede de auga danou un asfaltado que, nesta ocasión, acabábase de facer.
Varela sinala: “Dende o PP de Monforte seguimos denunciando a mala xestión que exerce o alcalde, José Tomé (PSOE). Proba dilo son os novos rebentóns que veñen de ocorrer no final da Rúa Reboredo, na estrada do polígono industrial, que estaba sendo pavimentanda; unha vez rematados os traballos houbo dous rebentóns e foi preciso picar o novo pavimento”. Os populares din que, outra vez, “máis gasto para a Administración porque hai que arranxar o que xa estaba arranxado, é dicir, pavimentado”. Katy Varela explica: “Isto é o que dicimos sempre: non se solucionan os problemas básicos, como é o do abastecemento, que levamos criticando durante todos estes anos, de maneira que paviméntase por riba do que está sen arranxar e finalmente hai que volver a levantar o xa asfaltado”. Deste modo, “o gasto duplícase para os contribuíntes, para os cidadáns de Monforte”. No PP reivindican “a solución, dunha vez por todas, aos servizos básicos que están en mal estado, como é o abastecemento de auga, porque é preciso que haxa máis sentido común á hora de gastar os cartos dos monfortinos”.