Lugo, 9 de xullo de 2023. O cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, subliñou a “clara aposta do Partido Popular pola investigación, o desenvolvemento e a innovación, que son determinantes para a competitividade de España”. Nese sentido, “o Partido Popular elevará o investimento en I+D+i”. Así o trasladou durante unha visita ás instalacións de Medrar Smart Solutions, unha empresa lucense que ofrece servizos de estratexia e crecemento empresarial, proxectos de innovación e I+D+i, transformación dixital e Industria 4.0.
Conde explica que “canto máis innova un país, máis atractivo resulta para os inversores que coas súas achegas axudan a crear máis postos de traballo e mellorar a calidade de vida da poboación”. Na actualidade, España ocupa o posto número 14 entre os 27 da Unión Europea en innovación segundo Eurostat 2020.
O candidato defendeu as medidas que o Partido Popular quere implantar dende o Goberno de España en materia de I+D+i como, por exemplo, a elaboración dunha lei para a transferencia do sistema de innovación ás empresas españolas. Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo quere tamén apostar dende o Goberno de España por ampliar a Lei para a transformación dixital do sistema financeiro ás startups, aplicar reducións fiscais e incrementar as axudas e subvencións ás empresas que dediquen recursos a I+D+i. E apoiar, non só a investigación e a innovación, senón tamén ás empresas tecnolóxicas que desenvolvan e comercialicen os seus produtos e servizos.
CIENCIA E INVESTIGACIÓN
Conde defende “protexer os dereitos laborais dos investigadores, atraer talento internacional e procurar o retorno do talento español”. Os populares apostan por establecer os mecanismos para que a ciencia estea á man das universidades e empresas e establecer pontes entre a ciencia e as empresas para que as patentes españolas non emigren ao estranxeiro. Igualmente, recollen no seu programa promover as carreiras científicas e os estudos de STEM, especialmente entre as mulleres; fomentar a investigación en ramas científicas como as artes, as humanidades, as ciencias sociais e a saúde mental, especialmente en menores. E tamén priorizar a sostibilidade das liñas de investigación cando ao financiamento europeo dos proxectos se esgote.