Partido Popular de Lugo

Barreiro: «En Monforte comprobamos unha vez máis os incumprimentos do Goberno de Sánchez e como o déficit de infraestruturas prexudica á competitividade da provincia»

Monforte de Lemos, 6 de xullo de 2023. O candidato popular ao Senado José Manuel Barreiro sinalou esta tarde en Monforte que neste cidade “comprobamos unha vez máis os incumprimento do Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez coa provincia de Lugo”. Barreiro fixo esta afirmación durante un encontro na estación do tren da cidade do Cabe, no que participaron candidatos populares por Lugo ás eleccións xerais, deputadas autonómicas, alcaldes e portavoces populares no sur da provincia.

Barreiro indicou que en materia de infraestruturas o Goberno socialista deixa un regueiro de incumprimentos dos compromisos adquiridos, o que crea serias dificultades tanto de accesibilidade como de competitividade. “O abandono desta provincia polo Goberno socialista de Sánchez é evidente no que se refire ás comunicacións por estrada e aos servizos ferroviarios”, dixo.

En relación ás comunicacións por estrada, “aí está o caso da A-76”, citou Barreiro. A este respecto destacou que o PP vén demandando do Goberno central insistentemente dende todos os ámbitos institucionais o desbloqueo e execución da autovía entre Ponferrada-Ourense, como peza fundamental para a mellora da vertebración das provincias de Lugo e Ourense e destas coa Meseta.

Outro exemplo é o abandono da N-120, unha infraestrutura estratéxica para as comunicacións do sur da provincia coa zona de Valdeorras para a que non existe alternativa debido á falta de avances na A-76; pero que ten o firme en mal estado para o que o PP ten demandado a mellora integral da vía que inclúa un terceiro carril que permita mellorar tamén a seguridade viaria. Nese sentido, Barreiro lembrou que a mellora desta vía provocou reiteradas iniciativas dos representantes populares nos distintos ámbitos. En febreiro deste ano o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular para solicitar ao Goberno de España a reparación urxente da N-120.

Así mesmo, o candidato popular aludiu á situación ferroviaria na provincia e que afecta á estación de Monforte de Lemos. Por unha banda, lembrou que “o Goberno de Sánchez non repuxo a totalidade dos servizos reducidos pola pandemia” e que “o PP ten demandando unha nova conexión con Ourense a primeira hora da mañá que permita, ademais, chegar a Madrid antes do mediodía”. Barreiro condena que “o Goberno de Sánchez rexeitase a construción das variantes (Os Peares-Canabal e Rubián) que quedaron programadas polo Goberno de Rajoy e que permitirían reducir o tempo de viaxe a Ourense e a Lugo” e explica que “as obras que ten en marcha o Ministerio non permitirán a chegada da alta velocidade á provincia porque a velocidade máxima que permitirá a vía será de 160 km/h”. Polo tanto, asegura que “co Goberno de Sánchez, non haberá alta velocidade”.

VISITA A INNOGANDO

Os candidatos ao Senado, José Manuel Barreiro, María José Gómez, Juan Serrano e José Manuel Balseiro, xunto aos candidatos ao Congreso Jaime De Olano e Cristina Abades, visitaron esta mañá -xunto ao alcalde de Cospeito, Armando Castosa- as instalacións de Innogando onde puideron comprobar de preto a aplicación da tecnoloxía e a innovación ao sector gandeiro, motivo polo que esta empresa chairega obtivo diferentes recoñecementos.