Partido Popular de Lugo

A Policía Local de Peal de Becerro (Jaén) escoita as queixas dos usuarios do parque de calistenia de Burela

Manuel Rouco.

Burela, 5 de xullo de 2023

Os lucenses saben que os corpos e forzas de seguridade colaboran estreitamente entre si para prestar o mellor servizo aos cidadáns. Pero o que non sabía o veciño de Burela que, seguindo a información telefónica facilitada polo Concello, chamou a un dos números que aparecen na placa do parque de calistenia, con intención de falar coa Garda Civil, é que o corpo ao que estaba chamando era á Policía Local, pero non de Burela, senón á de Peal de Becerro, encantador pobo de Jaén, sito na serra de Cazorla. O amable axente que atendeu a chamada, explicou con algún detalle a onde estaba chamando o comunicante lucense, que, sorprendido, tomou nota. Parece un dato anecdótico, pero non o é; reflicte como funciona o goberno municipal de Burela, inmerso na improvisación e no erro.

O parque de calistenia está mal emprazado. Está ao pé do parque infantil, con cal non son poucos os nenos que pasan do seu espazo ao dos adultos co conseguinte risco para a súa seguridade. A maiores, a información que se facilita é incorrecta. Por un lado, porque algúns dos números de teléfono que aparecen non se corresponden co servizo indicado, mediante logos, na liña superior. É o caso da Garda Civil e do teléfono que aparece debaixo do logo da Benemérita, que, como queda anotado, corresponde á Policía Local dun pobo de Jaén.

Ao goberno de Burela parece que todo lle dá igual con tal que falen del, aínda que sexa mal. Xa o dicía o gran Groucho Marx: “Citádeme dicindo que me citaron mal”. Só así se pode entender a decisión de ubicar o parque de calistenia ao pé do parque infantil; e non vexo outra explicación posible ao disparate dos números de teléfono que figuran na placa informativa. A verdade é que a maneira de proceder do bigoberno de Burela da continuidade ao anterior; é máis do mesmo: improvisación continua e sen un proxecto claro e definido.