Partido Popular de Lugo

O PP pon en valor a FP dual no CIFP As Mercedes e destaca o acordo de colaboración co grupo Altri para impartir un ciclo superior de enxeñería

Lugo, 4 de xullo de 2023. O cabeza de lista do PP por Lugo ao Congreso, Francisco Conde, e a número 2 ao Senado, María José Gómez, visitaron o CIFP As Mercedes co obxectivo de coñecer de primeira man o ciclo de Formación Profesional Mecatrónica Industrial, que se impartirá no centro e que recentemente asinou un convenio de colaboración co grupo Altri para a formación de profesionais. Os candidatos estiveron acompañados pola presidenta do PP lucense, Elena Candia, así como da profesora da escola, Sagrario Sánchez Ramil.

Nesta nova visita na cidade de Lugo, os candidatos puxeron en valor a Formación Profesional como un dos motores de emprego en Galicia e aseguraron que coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno en España haberá un compromiso para ampliar o número de prazas das FP, con especial énfase en aquelas que se adapten ás actuais esixencias do tecido social e produtivo, como é o caso do ciclo de Mecatrónica Industrial.

O PP fomentará desde o Goberno unha educación de calidade para todos porque iso tradúcese en igualdade de oportunidades, integración e cohesión social. No Partido Popular cren máis que ninguén na cultura do mérito e o esforzo é fundamental, pois o contrario sería dar continuidade ás políticas do sanchismo, condenando ao sistema ao descrédito, aos alumnos ao fracaso e aos profesores á frustración. Por este motivo, para promover en España un marco legal estable e duradeiro para o sistema educativo, desde o Partido Popular proponse un Pacto de Estado pola Educación, para alcanzar o maior consenso posible entre todos os actores implicados no sistema, con vocación de permanencia e de superación da confrontación política.

FP DUAL EN LUGO

O CIFP As Mercedes pertence desde 2022 á Rede estatal de Centros de Excelencia de FP no sector aeronáutico e, nos últimos anos, a Xunta de Galicia investiu nel 5,3 millóns de euros para adaptalo ás necesidades dunha formación de calidade que aspira á excelencia.

No caso concreto da FP Dual, o incremento de prazas en Galicia con respecto ao curso pasado será do 135%. Así, na provincia de Lugo incorporaranse as familias profesionais de Imaxe e Son e Marítimo Pesqueira. Ademais, a Formación Profesional Dual reduce a taxa de abandono escolar, diminúe o déficit de traballadores existentes en sectores claves da economía, suple a falta de substitución xeracional, aumenta a empregabilidade e fixa poboación no territorio.

Á ESPERA DE FONDOS EUROPEOS

Este ciclo superior de enxeñaría está orientado a configurar e optimizar sistemas mecatrónicos industriais, así como a planificar, supervisar ou executar a súa montaxe e mantemento, seguindo os protocolos de calidade e de seguridade a nivel laboral. Trabállase maioritariamente no ámbito da empresa privada, dedicada ao desenvolvemento de proxectos, supervisión da montaxe e o mantemento de sistemas mecatrónicos en maquinaria, equipamento industrial e liñas automatizadas, por contra propia ou allea.

Con este acordo de colaboración co grupo Altri, poderanse formar en Lugo alumnos e alumnas que no futuro poidan ter as calidades laborais precisas para traballar na futura planta de fibras téxtiles sostibles que a empresa ten previsto construír en Palas de Rei, un proxecto para o que se segue a esperar de saber se finalmente o Goberno concretará apoios económicos a través dos fondos europeos. A iniciativa de Altri foi declarada como proxecto industrial estratéxico (PIE) por parte da Xunta de Galicia, o que axiliza a súa tramitación administrativa, reducindo os prazos á metade.