Pedrafita do Cebreiro, 3 de xullo de 2023. O cabeza de lista ao Congreso polo PP da provincia de Lugo, Francisco Conde, cre que “chegou o momento de darlle a Galicia dende o Goberno de España respostas dende o punto de vista das infraestruturas” e, nese sentido, aposta polo proxecto que lidera Alberto Núñez Feijóo. O popular, que visitou o lugar do Castro (Pedrafita do Cebreiro) acompañado de candidatos ao Senado, alcaldes e portavoces da zona, subliñou a necesidade de reconstruír o viaduto da A-6 “canto antes” e de “dar respostas para o resto de investimentos en infraestruturas que temos pendentes en Galicia. É unha débeda que ten pendente España con Galicia e con Lugo”.
O candidato popular explicou que “estamos ante un exemplo” de como o Goberno que preside o socialista Pedro Sánchez “non está atendendo as prioridades que ten Galicia dende o punto de vista de infraestruturas”. É máis, considera que “hai unha irresponsabilidade clara por parte do Goberno que está afectando á competitividade económica de Galicia, á accesibilidade dos propios cidadáns e ao turismo”. De feito, os usuarios desta vía de entrada a Galicia dende A Meseta terán que desviarse durante estes meses de campaña estival.
“A forma de gobernar de Pedro Sánchez está marcada pola falta de certezas”, expón Conde. E engade que “levábamos un ano con obras de emerxencia na A-6 e, adicionalmente, un ano perdido pola falta de decisión do Goberno que agora cambia de criterio, unha vez máis, dándolle a razón aos técnicos da Xunta” e avíndose a executar, por fin, os dous viadutos de forma simultánea e por emerxencia. “Demóstrase así que o Goberno galego tiña unha proposta clara e viable dende o punto de vista técnico que foi rexeitada polo Goberno. Agora o que agardamos é que se poñan os medios precisos para non perder tempo en ofrecer unha solución completa á A-6”.
Os populares lembran que “hai un prexuízo claro en termos económicos, de mobilidade e accesibilidade a Galicia” e agardan que se activen canto antes as obras no segundo viaduto e se traballe con axilidade para que se poida restablecer a circulación “canto antes”.
Os populares consideran a A-6 unha autovía esencial de conexión entre Galicia e a Meseta para garantir a seguridade viaria, a cohesión social e a competitividade económica. Incluso impulsaron un acordo no Parlamento galego adoptado o 21 de marzo deste ano por unanimidade para instar ao Goberno de España a executar ao mesmo tempo os dous novos viadutos do Castro na A-6, o que permitiría acurtar prazos e ter esta autovía plenamente operativa e funcional en ambos sentidos de circulación nun menor espazo de tempo.
ALTERNATIVA DO PP EN MATERIA DE INFRAETRUTURAS
O Partido Popular quere potenciar unha rede de infraestruturas moderna, eficiente, intermodal e dixitalizada que estea ao servizo dos cidadáns e do crecemento económico e, polo tanto, que respalde a competitividade das empresas españolas na súa proxección internacional. Igualmente, o PP aposta por infraestruturas que permitan impulsar unha mobilidade sostible que contribúa á descarbonización e ao progreso da industria.