Partido Popular de Lugo

Francisco Conde: «Chegou o momento de darlle prioridade aos nosos maiores e ás persoas e levar o modelo galego de dependencia a España»

Castroverde, 2 de xullo de 2023. O número 1 da lista popular ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde; e o cabeza de lista da candidatura ao Senado por Lugo, José Manuel Barreiro, visitaron Castroverde co obxectivo de manter unha reunión cos traballadores municipais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e escoitar as súas preocupacións e propostas.

“Con Feijoo teremos un novo Sistema de Atención á dependencia que responda ás necesidades básicas das familias. Cremos que este modelo de xestión consolidado en Galicia podemos trasladalo ao conxunto de España e conseguir mellorar un servizo básico para a cidadanía”, di Conde.

Neste aspecto, Conde explica que a atención aos maiores e as súas necesidades “é unha das principais prioridades que temos no Partido Popular tanto no ámbito da Xunta de Galicia como a nivel nacional. Unha prioridade que neste caso está chegando esta atención ao rural, un dos eidos máis relevantes dentro da política en atención”. De feito, Galicia está prestando unha importante carteira de servizos a través de programas como o SAF, Xantar na Casa ou as Casas de Maiores.

En referencia ao SAF, Galicia é unha comunidade líder ao chegar a máis de 26.000 persoas usuarias na comunidade. Na última lexislatura a Xunta incrementou nun 24% a achega autonómica ao SAF e cun investimento no ano 2022 de 22 millóns de € na provincia de Lugo, a pesares de ser un servizo de competencia municipal. No ano 2020 o orzamento autonómico era de 9,7 €/hora e, no exercicio deste ano ascendeu a 12 €/hora. “Este servizo ten o compromiso claro da Xunta de Galicia co financiamento no ano 2023 de ata os 12 €/hora e que vai a permitir que os concellos poidan prestar os servizos nas mellores condicións posibles que é precisamente o obxectivo principal da Xunta e o obxectivo que ten a candidatura de Alberto Núñez Feijoo para trasladar a este modelo de xestión”, di Conde.

Os candidatos elixiron Castroverde para tratar esta problemática por ser un dos concellos máis afectados, pois das 4.015 horas mensuais asignadas pola Xunta, só se prestaron efectivamente 3.604 horas, o que supón que aínda queda por asignar 411 horas polo Concello. Por contra, aínda peor é que haxa 37 expedientes pendentes de asignación do servizo, tendo 36 dos usuarios unha dependencia de grao 1 e unha persoa cunha dependencia de grao 3.

O PSOE deixou o Sistema de Atención da Dependencia colapsado en 2011. Funcionaba de maneira desigual e pouco transparente. A pesares do incremento do orzamento, desde que goberna Sánchez, empeorou. O tempo medio de espera en Galicia é de 344 días e en 2022 faleceron 45.360 persoas desa lista de espera.

Segundo o Informe da Asociación de Directoras e Xerentes dos Servizos Sociais, en 2022 atendeuse a 91.295 persoas máis, pero hai 7.214 persoas que esperan ser valoradas, e a cifra de persoas esperando algún tipo de trámite de dependencia ascende a 353.965. Estes datos contrastan coa promesa de lexislatura de reducir a lista de espera de dependencia en polo menos un 75% e este obxectivo está lonxe de poder cumprirse.

PROPOSTAS DO PARTIDO POPULAR

O PP presentou unha batería de iniciativas aos PGE de 2023 e un Plan de redución de listas de espera do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia e apostou por dotar, especialmente ás Comunidades Autónomas, dunha rede de recursos, servizos, centros de día e residenciais, sobre todo no medio rural, establecendo programas de estancias diúrnas, unidades de convalecencia sociosanitaria, programas de respiro familiar, servizos de axuda a domicilio ou teleasistencia avanzada.

Por outra banda, o Partido Popular impulsou unha iniciativa para regular a figura da Asistencia Persoal dando prioridade á prevención da deterioración cognitiva, así como das demencias, e en particular aprobar con urxencia o Plan Nacional de Alzhéimer, e outras demencias. Con respecto á atención aos maiores, desde o grupo popular propón deseñar unha Lei básica de servizos sociais con perspectiva dos dereitos dos maiores; a promoción dun Pacto de Estado polos Servizos Sociais; que inclúa un compromiso coa viabilidade da Dependencia; impulsar unha Lei contra os malos tratos ás persoas maiores e desenvolver unha Estratexia Nacional contra a Soidade Crónica, con medidas como a promoción do “co-housing”.