Partido Popular de Lugo

O PP anuncia que fará na Deputación unha oposición de control estrito do traballo do goberno e de continúa defensa dos intereses dos veciños da provincia

Lugo, 30 de xuño de 2023. Esta mañá constituíuse a corporación provincial de Lugo. Comeza o novo mandato na Deputación e o grupo do Partido Popular, o que ten máis ampla representación (12 de 25 deputados), anuncia que, situado na oposición pola unión dos perdedores das pasadas eleccións locais, fará un traballo de control estrito do labor de goberno, pero tamén operará sempre con criterio positivo, sempre no camiño de defender os intereses dos lucenses, os intereses de Lugo. Os populares anuncian unha permanente escoita activa da sociedade lucense, para coñecer as súas inquedanzas, dificultades e aspiracións, co fin de levar a cabo as políticas máis acaídas para aportar as solucións adecuadas. Os integrantes do novo grupo popular, ao igual que o anterior, traballarán ao pé dos cidadáns, recorrendo continuamente a provincia para levar a San Marcos a voz dos veciños, dos alcaldes e dos portavoces municipais.

Como xa se anunciou, Antonio Ameijide será o portavoz do grupo popular. Sinala: “Hoxe iníciase unha nova etapa na Deputación Provincial de Lugo, na que queda claro que a opción maioritaria escollida polos lucenses foi a do Partido Popular, que non vai poder desenvolver o seu programa de goberno debido aos pactos entre os partidos perdedores das eleccións municipais de hai un mes”.

Ameijide explica: “Dende o PP seguiremos traballando por e para a provincia de Lugo. Apoiándonos en todo o enorme traballo feito polos compañeiros do último grupo provincial do PP e dos anteriores, o grupo que comeza hoxe a súa andadura traballará todos os días arreo para que Lugo recupere o lugar provincial que merece dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e dentro do panorama nacional”.

Dende o grupo provincial do Partido Popular anuncian que levarán a cabo “unha labor de oposición, de fiscalización, de absoluto control do traballo do goberno, que busque, por enriba de todo, o trato igualitario aos concellos”. Ameijide di: “A nosa oposición será tamén construtiva e estaremos sempre preparados e dispostos para axudar a esta provincia onde se nos precise. Xa mostramos dende o primeiro día a nosa vontade de que, por enriba de todo, vai estar sempre o interese de todos os lucenses; por riba de todas as siglas políticas, para nós está o interese dos lucenses, de Lugo. E así o desenvolveremos cada día”.

O GRUPO POPULAR, NOME A NOME

O grupo provincial do PP está formado por: Antonio Ameijide (portavoz), Carmen José López (viceportavoz), Demetrio Salgueiro (viceportavoz), José Pardo Lombao, Francisco Javier Balado, José Ángel Santos, Jesús Núñez, Javier Varela, José María Fernández, Clemente Iglesias, Armando Castosa e Luis Fernández Guitián.