Partido Popular de Lugo

Francisco Conde: «O sector vitivinícola é estratéxico para A Ribeira Sacra»

Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2023. Francisco Conde defende o vitivinícola como “sector estratéxico para Galicia e, moi especialmente, para o sur da provincia de Lugo” coincidindo coa inauguración do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos que se celebrará ata o domingo 2 de xullo no paseo do Malecón, ás beiras do río Cabe.

O deputado autonómico e número 1 da candidatura do PP de Lugo ao Congreso participou na primeira xornada da edición deste ano dunha cita que enxalza os viños das cinco subzonas da D.O. Ribeira Sacra onde se producen “recoñecidos caldos”. Engadiu, así mesmo, que “o viño e a paisaxe están estreitamente relacionados na Ribeira Sacra e constitúen dous dos seus principais sinais de identidade da zona”.

XERACIÓN DE EMPREGO E RIQUEZA DENDE O RURAL

O sector vitivinícola é tamén unha importante fonte de creación de emprego e de ingresos; xa que son máis de 10.000 os viticultores en Galicia que xeran máis de 230 millóns de euros ao ano. “Isto non só contribúe a un reto importante como é o de fixar poboación no rural, senón que demostra o seu inmenso potencial”.

Conde lembrou tamén que “Galicia está a avanzar no impulso de medidas, da man do sector, como a estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas”. Nese sentido, considera “fundamental seguir contribuíndo ao desenvolvemento do sector dende o respecto ao territorio e da man dos viticultores”.