Partido Popular de Lugo

O PP considera «incomprensible que un Concello coma o de Trabada non solicite á Xunta unha brigada municipal contra incendios»

Trabada, 29 de xuño de 2023. O PP de Trabada considera “incomprensible” que “o goberno local non solicitara á Xunta adherirse ao convenio para a creación dunha brigada municipal contra incendios durante os meses de verán”, tendo en conta que “este tipo de servizo é fundamental para desenvolver tarefas de prevención e vixilancia nun concello coma o de Trabada con moito terreo forestal”.

O voceiro, José María Fernández, lembra que “o ano pasado a alcaldesa solicitou adherirse, pero finalmente renunciou”. Polo tanto, “serán xa dous os veráns nos que o Concello de Trabada non conta cunha brigada contra incendios nin tampouco favorecerá a creación de varios postos de traballo dos que se poderían beneficiar veciños e veciñas no paro”.


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, ofrece todos os anos estes convenios dentro das distintas liñas de colaboración cos municipios para conseguir unha maior eficacia na loita contra o lume. Nese sentido, os Concellos poden desenvolver labores de vixilancia e defensa contra os incendios forestais e traballos de prevención de forma manual.

Os populares si consideran positivo que o Concello solicitara actuacións en 146 hectáreas para levar a cabo rozas en viais municipais e fincas que se atopen cerca dos núcleos de poboación e que poidan supoñer un risco para os veciños. Nese sentido, agradecen a colaboración da Xunta e agardan que “os responsables do goberno local xestionen de forma responsable os traballos de desbroce”.