Partido Popular de Lugo

Miguel Gallego condena a “actitude antidemocrática e autoritaria da alcaldesa nacionalista” ao intentar dividir aos concelleiros do Grupo Municipal Popular de Samos no salón de plenos

Samos, 29 de xuño de 2023. O voceiro popular de Samos, Miguel Gallego, condena que “o goberno bipartito pretenda instaurar unha ditadura”, ao dificultar que os catro concelleiros do Grupo Municipal Popular se senten xuntos no salón de plenos do Concello; como recolle o artigo 89 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais. Os edís populares permaneceron de pé durante a sesión reivindicando o seu dereito e “así continuaremos ata que se cumpra a lei”.

Gallego explica que “nunca tal cousa pasou na historia da democracia en Samos” e sinala á alcaldesa nacionalista como máxima responsable da “actitude antidemocrática e autoritaria” do goberno bipartito.

O popular explica que “xa na primeira sesión plenaria do actual mandato, a correspondente á elección dos membros das mesas para as vindeiras eleccións xerais, “a alcaldesa nacionalista non permitiu que os catro concelleiros do noso grupo ocuparamos catro asentos xuntos no salón de plenos”. E, nesta ocasión, durante o pleno de organización “tamén dificultou o cumprimento da lei ao propoñer unha solución inaceptable para o Grupo Municipal Popular; xa que pretendía que dous concelleiros ocuparan a mesa de secretaria que, ademais de ser máis pequena, atópase a un nivel máis baixo que o resto dos escanos porque está fóra da tarima”. É dicir, “non estariamos nas mesmas condicións que o resto de grupos con representación no Pleno; cando teriamos preferencia por ser a lista máis votada”.

Os concelleiros populares teñen solicitado formalmente á secretaría un informe sobre as indicacións que recolle a normativa onde se indica que “cada concelleiro debe ocupar asentos unidos aos do seu grupo”. Polo tanto, se o goberno local non facilita outra alternativa, o Grupo Municipal Popular “estudará as accións xurídicas oportunas”.

ARTIGO 89 DO REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN

Segundo o artigo 89 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, “os membros da Corporación tomarán asento no Salón de Sesións unidos ao seu grupo. A orde de colocación dos grupos determinarase polo presidente, oídos os portavoces, tendo preferencia o grupo formado polos membros da lista que obtivera maior número de votos. En calquera caso, a colocación dos membros corporativos tenderá a facilitar a emisión e reconto dos votos”.