Palas de Rei, 29 de xuño de 2023. O número 1 da candidatura do PP de Lugo ao Congreso, Francisco Conde, asegurou hoxe nunha reunión con alcaldes e portavoces da comarca da Ulloa, que o futuro da empresa Altri en Palas de Rei “xa estaría garantido de estar Feijóo no Goberno”. Nese sentido, engadiu que “se goberna Alberto Núñez Feijoo, gaña Lugo e gañamos todos”.
O Partido Popular, ao igual que a Xunta de Galicia e que a propia Altri, teñen amosado desde o primeiro momento a súa máxima implicación para conseguir que a fábrica de fibras téxtiles sostibles sexa unha realidade na provincia de Lugo, un proxecto realmente transformador a nivel industrial e social. A compañía portuguesa quere executar o proxecto en Galicia, pero estase atopando cunha realidade:” o Goberno de Pedro Sánchez non concedeu os fondos europeos que precisa a iniciativa para a súa construción e posta en marcha, cando o Executivo portugués xa ten comprometido fondos europeos para as novas iniciativas industriais de Altri no seu país”.
Neste sentido, “Sánchez incumpre unha vez máis a súa palabra, pois case un ano despois da súa reunión co presidente da Xunta de Galicia na que se comprometeu a apoiar o proxecto de Altri, non hai resposta nin un posicionamento a favor deste proxecto”, explica Conde. “Mentres que cunhas comunidades autónomas, como é o caso de Cataluña, Valencia ou Asturias, o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez é absoluto, outras comunidades, coma Galicia, seguen á espera”.
CREACIÓN DE EMPREGO
“O apoio de Galicia a este proxecto de Altri é total”, lembrou o popular, que destacou como “moi positivo para o desenvolvemento da base industrial, a reactivación e creación de emprego no territorio, o fomento da economía circular e o desenvolvemento de novas tecnoloxías que ofrecen unha alternativa competitiva á industria téxtil”.
Entre novos proxectos, como os de Altri e Bioflytec, e ampliación de instalacións, como as de Jim Sports e Campomayor, o investimento previsto en Palas de Rei poderá superar os máis de 830 millóns de euros e a creación de preto de 3.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.
REIVINDICANDO OS PRODUTOS LOCAIS E A PROVINCIA
Os candidatos ao Congreso e ao Senado tamén aproveitaron para promocionar e poñer en valor os produtos gastronómicos e locais da zona porque “é unha forma de facer provincia”. Neste aspecto, asistiron a unha degustación do queixo do país DaJosefa, procedente do lugar de Senande, na parroquia palense de Ferreira, que é un dos queixos galegos artesanais máis saborosos e populares. Recentemente, este queixo gañou o campionato GourmetQuesos, celebrado en Madrid; ao mellor queixo de vaca xoven en España.