Partido Popular de Lugo

O PP solicitará á Xunta que controle a prestación do servizo á dependencia en Samos xa que «a nova alcaldesa do BNG deixa horas sen cubrir»

Samos, 26 de xuño de 2023. O portavoz do Grupo Municipal do PP en Samos, Miguel Gallego, di que “a nova alcaldesa do BNG acaba de chegar e o primeiro que fai é deixar sen cubrir as horas de asistencia a domicilio de varias persoas maiores das aldeas de Castroncán, O Mesón e Montán, algunhas en situación de dependencia de grao 3”.

“Se esta é a empatía que o novo goberno bipartito amosa desde un principio cos nosos maiores, solicitaremos á Xunta de Galicia que controle como se está a prestar este servizo á dependencia en Samos, para que non caia na desidia e no ‘dá igual’ como se comeza a ver estes días”, engade o popular. Gallego explica que “os Concellos reciben unha subvención da Xunta de Galicia e teñen a obriga de prestar o servizo que ata agora se estaba cumprindo sen demora día a día”.

Os populares condenan que “se tome tan á lixeira este servizo e non se contrate persoal para cubrir as ausencias ou baixas das traballadoras, de xeito que os verdadeiros prexudicados son os maiores que, ao parecer, pouco lles importan ao novo goberno local, visto xa as súas primeiras accións”. Nese sentido, a pregunta que se fan é “se este vai ser o bo coidado que tanto prometeron nas eleccións e que desde agora van ter os maiores do noso concello, moitos deles teñen graves problemas de mobilidade e, polo tanto, non son quen de valerse por si mesmos”, apunta o voceiro.