Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que María Loureiro marchou de vacacións e participou telematicamente na primeira sesión plenaria do novo mandato no Concello de Viveiro

Viveiro, 23 de xuño de 2023. Mal comeza o mandato municipal no Concello de Viveiro, porque todo indica que a socialista María Loureiro non aprendeu debidamente a lección da responsabilidade nos anos que pasou na presidencia da corporación. Así o indica a portavoz popular, Mariña Gueimunde, á vista de que Loureiro no asistiu presencialmente á primeira sesión plenaria do novo mandato no Concello, senón que o fixo telematicamente e tarde e mal.

Gueimunde sinala: “Onte asistimos ao primeiro pleno do novo mandato no Concello de Viveiro e non estaba a alcaldesa. E o problema é que había un baleiro de poder, porque non está constituído aínda o goberno e polo tanto non existe delegación de ningún tipo. Tivemos que esperar ata que logrou conectarse telematicamente e finalmente celebrouse a sesión”.

Os populares din que “o PP non se levantou por respecto, non tanto ao grupo de goberno do Concello de Viveiro como aos nosos propios concelleiros, que tiveron que pedir o día no traballo; de ter marchado, habería que perder outra mañá e non nolo podiamos permitir”.

Gueimunde considera que “non é de recibo que a alcaldesa marchara de vacacións”. Explica: “Todos temos dereito a vacacións, pero non se pode marchar un deixando todo sen xeito no Concello; ninguén se pode ir tranquilo pensando no que poida pasar e que non hai quen se faga responsable”.

En resumo: “Onte case non se puido celebrar o pleno porque non foron capaces de conectarse; a alcaldesa, dende a súa estancia vacacional, non era capaz de conectarse a través do móbil. Estabamos todos expectantes asistindo a un pleno totalmente esperpéntico no que as cadeiras do goberno local estaban baleiras, porque os socialistas non fixeron os deberes”.

Gueimunde avisa de que “isto só é o comezo; deducimos que aínda non se puxeron de acordo e en lugar de quedar a resolver a situación, a alcaldesa optou por poñer terra por medio e deixar o Concello á deriva”.