A Pobra do Brollón, 19 de xuño de 2023. Uns 17 núcleos rurais e 13 rúas da Pobra do Brollón non poden consumir directamente a auga da traída municipal, polo menos dende o pasado día 31. Grazas a probada incapacidade de xestión do alcalde para adoptar as medidas necesarias para garantir, como é a súa obriga, o subministro de auga potable, o que sae polas billas non é incoloro, como ten que ser a auga, senón un líquido de color marrón. O portavoz do PP, Teddy López, lembra que o pasado día 31, o alcalde, José Luis Maceda, emitiu un bando no que sinala que a auga trae “moito lodo” polo que non é posible garantir que cumpra todos os parámetro esixidos na normativa vixente. Por elo, recomenda non usar a auga da traída sen fervela previamente durante dous ou tres minutos.
Á vista de tan grave problema, o portavoz popular, Teddy López, di que esta é unha mostra máis da falta de rigor na xestión que leva a cabo Maceda. “O subministro de auga potable é unha obriga dos concellos. E para elo teñen que ter as infraestruturas necesarias para asegurar a captación, potabilización e distribución nas debidas condicións. Está claro que o alcalde da Pobra do Brollón non fixo os deberes cando tocaba facelos e agora os nosos veciños non poden beber a auga da traída”.
O portavoz popular indica que todos os usuarios do abastecemento teñen que pagar relixiosamente as cantidades correspondentes á prestación deste servizo polo Concello. Indica que, nas actuais circunstancias, o servizo non cumpre as condicións mínimas, polo que o goberno local deberá considerar a posibilidade de aplicar medidas económicas compensatorias.
Teddy López sinala: “Está claro que o alcalde tiña que avisar aos veciños. Só faltaba que non o fixera. Pero iso non chega. Estamos diante da demostración da existencia de graves carencias no proceso de potabilización da auga da traída e iso é algo que hai que corrixir canto antes”. Avisa de que o PP seguirá ao milímetro a evolución deste problema e non deixará de reclamar que se xestionen as melloras precisas para que non se repita en canto chove en abundancia.