Samos, 18 de xuño de 2023. O portavoz do Grupo Municipal do PP en Samos, Miguel Gallego, que traslada os seus parabéns á nova alcaldesa do municipio, comprométese a “traballar dende o primeiro día na defensa dos veciños e veciñas” tendo en conta que “a candidatura do Partido Popular foi a máis votada no municipio”.
Gallego considera que “mal comeza o mandato do bipartito se a alcaldesa permite que se ningunee a unha oposición que realmente recibiu máis votos do pobo que o seu propio partido”. Así o sinala en relación ao “lamentable espectáculo que deron” este sábado -día da constitución da nova Corporación municipal- diante da Casa do Concello para celebrar o que os populares consideran “pacto de perdedores”. Agardan, polo tanto, que “non pretendan instalar a mediocridade na administración local”.
O portavoz popular lembra tamén que “o goberno bipartito recibe un Concello saneado e cun remanente de máis de 1 millón de euros”. Polo tanto, “o Grupo Municipal Popular controlará exhaustivamente, dende o primeiro día, cada acción que fagan para que non se malgasten”.
Miguel Gallego explica que “onte había festa, pero agora toca enfrontarse á vida real e aí estaremos nós, a oposición, para reclamar que cumpran aquilo que tanto prometeron durante a campaña como, por exemplo, a recuperación das festas patronais do San Benito cunhas boas actuacións”.