Foz, 17 de xuño de 2023. Os concelleiros do PP en Foz, despois de xurar ou prometer os seus cargos, sinalaron que farán “oposición con responsabilidade, buscando o mellor para Foz; esixindo un bo goberno, que cumpra o prometido e que sexa xusto con todos os veciños”. Os edís populares felicitan “a Francisco Cajoto, que será o alcalde durante os próximos catro anos, e tamén aos seus compañeiros do Grupo Socialista”, aos que desexan “moita sorte, porque a sorte do goberno será a sorte de todos”. Para o grupo que lidera Javier Castiñeira “é un verdadeiro orgullo formar parte desta corporación de Foz, un concello con moita historia, milenaria; un concello importante da provincia de Lugo e de Galicia”. Foz, sinala Castiñeira, “é atractivo para vivir e para disfrutar, como dicía o querido Suso Fernández, é un Foz de ensoño, que todos queremos mellorar”.
Castiñeira indica: “Nós non vimos aquí para ser contrarios nin rivais de ninguén. Tócanos facer labor de oposición, fiscalizar ao goberno, un traballo ás veces ingrato e non sempre ben valorado; pero aseguramos que será unha oposición propositiva, intensa e na que trataremos de facer oír a voz dos veciños e trasladar as súas necesidades, queixas e propostas”.
Os populares anuncian que traballará todos os días para mellorar o municipio, e farano “con rigor e con ilusión, como sempre, tanto na oposición como no goberno”. Expresan o seu agradecemento “a todos os que nos deron a súa confianza para estar hoxe aquí, no pleno de investidura; estamos comprometidos con eles e coa totalidade dos veciños, nos votaran ou non, porque Foz está por diante de todo”.