Partido Popular de Lugo

O PP de Pol lamenta que podan levar de novo ao Concello ante ao xulgado a consecuencia da mala praxe do goberno local

Pol, 11 de xuño de 2023. O PP de Pol lamenta que podan levar de novo ao Concello ante ao xulgado a consecuencia da mala praxe do goberno local. Fai 9 anos o Concello gardou tres retablos da vella igrexa de Caraño nun baixo chegando a un acordo verbal entre o alcalde e o dono do baixo de pago mensual o cal nunca se chegou a producir, segundo as manifestacións do particular recollidas na prensa.

De ser certa esta circunstancia, o problema estaría na falta de palabra do alcalde, que non cumpriría o que dixo, o cal demostraría a súa falta de credibilidade, seriedade e rigorosidade.

Este suposto incumprimento de palabra levaría ao Concello de Pol de novo ao xulgado. O que suporía un forte gasto máis cando Pol está atravesando unha crise económica moi forte cunha débeda que supera o millón de euros. “Este previsible proceso xudicial ao que estaría chamado o Concello de Pol, suporía un gasto elevado que a nosa economía non está para asumir. O Concello non está para malgastar o diñeiro e menos pola falta do noso representante”, advirten desde o PP de Pol. O Partido Popular de Pol lamenta que “cada vez que sae Pol nas noticias é por un novo problema orixinado polo noso alcalde”.