Monforte, 08 de xuño de 2023. O PP de Monforte solicitou formalmente acceso ao expediente da praia fluvial, á vista da falta de información clara e detallada sobre este proxecto. A popular Katy Varela explica que formalizaron dita solicitude “porque o alcalde de Monforte, xusto ao inicio da campaña das eleccións municipais, anunciou o proxecto de creación dunha praia fluvial, por case cinco millóns de euros». Lembrou que ás primeiras preguntas feitas polo PP en relación con este asunto, o socialista José Tomé, non deu resposta, nin sequera a cales serán as zonas nas que se prevé crear a praia.
Os populares lembran que “o 10 de maio, o alcalde de Monforte convocou aos medios de comunicación para informar da aprobación pola xunta de goberno do inicio do expediente de tramitación dunha dotación pública para unha área recreativa e unha praia fluvial na cidade; na rolda de prensa, o alcalde amosou unha carpeta de expediente da praia fluvial e a memoria do proxecto, ademais de explicar o que se pretendía facer e o custe da obra”.
No PP indican que o pasado 15 de maio presentaron un escrito no Rexistro pedindo copia e acceso ao expediente, pero aínda no recibiron resposta. Destacan que “segundo a lexislación vixente, os membros da corporación municipal teñen dereito a obter datos e informacións relevantes para desenvolver a súa función e, en caso de denegar esta petición, debe facerse no prazo de cinco días e mediante resolución motivada; en caso contrario, enténdese concedido por silencio administrativo”. Polo tanto, os populares consideran que a solicitude foi aceptada e piden que se fixe data e hora para acceder ao citado expediente.