Partido Popular de Lugo

O PP condena que «o Goberno do PSOE en Madrid faga oídos xordos ante as necesidades dos lucenses en materia de comunicacións»

Lugo, 26 de maio de 2023. O PP da provincia lamenta que se sucedan os accidentes de tráfico na zona de Pedrafita, no desvío alternativo á A-6 habilitado polo Goberno de Pedro Sánchez tralo derrubamento dos viadutos do Castro que se nega a reconstruír á vez. Nese sentido, os populares condenan que “o PSOE no Goberno de Madrid faga oídos xordos ante as necesidades dos lucenses en materia de comunicacións e nos condene a volver ao pasado nas comunicacións por estrada con Madrid durante os vindeiros anos e, o que é aínda máis preocupante, coa posibilidade de sufrir algún tipo de accidente”.

Os populares insisten en solicitar ao Goberno central a reconstrución dos dous viadutos á vez para retomar canto antes a circulación por autovía entre Galicia e Madrid. Igualmente, tendo en conta que “este novo accidente evidencia que o desvío non é seguro”, volven solicitar “un desvío seguro para tódolos vehículos” mentres duren as obras e se manteña a A-6 cerrada ao tráfico. Ao PP preocúpalle “o desprezo do PSOE aos lucenses” e, polo tanto, pídenlle que “recapacite” porque “non somos cidadáns de segunda”.

“A autovía A-6 é unha infraestrutura fundamental non só para os lucenses, senón para os galegos e, en especial, para os transportistas”, explican. Nese sentido, lembran que “é a única vía de comunicación de altas prestacións para conectar coa meseta por estrada, pero ao Goberno de Pedro Sánchez as nosas necesidades para desenvolver a nosa vida e a nosa actividade profesional nas mesmas condicións que o resto de España parece non importarlle. Unha vez máis, castiga a Galicia”.

Os populares lembran tamén “o nulo compromiso con outras infraestruturas de comunicación por estrada na nosa provincia” como demostra a paralización das autovías da Mariña, de Lugo a Ourense e de Ponferrada a Ourense pasando por Monforte.