Partido Popular de Lugo

Francisco Conde pecha a campaña arroupando aos candidatos do Saviñao, Pantón, Monforte e Carballedo

Ribeira Sacra, 26 de maio de 2023. O peche da campaña na zona sur da provincia está a ser intensa. De feito, o responsable do Goberno galego de Economía, Industria, e Innovación e vicepresidente da formación popular na provincia, Francisco Conde, arroupou ao longo do día, e en distintos actos con formatos diferentes, aos candidatos do Saviñao, Ferreira de Pantón, Monforte de Lemos e Carballedo, Carlos Armesto, José Luis Álvarez, Katy Varela, e José Manuel Yebra; respectivamente. O secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal, participou nos mitins de Monforte de Lemos -onde tamén interviu o deputado nacional Jaime De Olano- e Carballedo.


Nas distintas xuntanzas, Conde destacou o atractivo turístico deste xeodestino no que se están a desenvolver proxectos emprendedores que contribúen a xerar emprego e fixar poboación no rural e avogou pola necesidade de contar con administracións que favorezan a captación de novos investimentos -como xa ocorreu con proxectos como o de Indukern ou Oviganic-.Subliñou que é o momento do cambio, asegurando que comezará o domingo na provincia de Lugo.

Así, na visita realizada ao Saviñao recolleu a proposta de Armesto de establecer liñas de colaboración para o desenvolvemento empresarial do municipio. É o caso de que este concello conte cun viveiro de empresas, unha infraestrutura que contribuiría a favorecer a implantación inicial e consolidación de empresas no concello, así como a impulsar o emprendemento.

Trátase, en definitiva, sinalou Armesto, “de seguir apostando pola mellora das infraestruturas empresariais xa que, nos últimos anos, acondicionamos o polígono industrial, así como os accesos con dúas axudas da Xunta por importe de 128.000 euros para un investimento total de 169.000. Ademais, recibimos un novo apoio para seguir mellorando o parque por importe de 55.000 euros”; polo que, engadiu o alcaldable, “non é o mesmo que gobernen uns a que gobernen outros”.

Katy Varela subliñou que “concluímos unha campaña, co mellor equipo e o mellor programa para traballar para Monforte e que o noso concello teña un rexurdimento real en materia de emprego e de servizos básicos como a auga -o principal problema que ten hoxe a cidade-, ou os servizos sociais, a cultura e o deporte”.

FORTES BASTIÓNS

No caso dos candidatos de Pantón e Carballedo, estes puxeron en valor a súa xestión á fronte de cada entidade local, co fin, indicaron, “de seguir dando servizos aos veciños”. E é que, se Álvarez e Yebra-Pimentel acadan a confianza dos veciños este domingo, o Partido Popular mantería dous bastións importantes da Zona Sur. No caso do alcaldable de Pantón, este sería o cuarto mandato consecutivo e, no de Carballedo, suporía dar continuidade ao traballo infranqueable como alcalde durante catro décadas.