Muras, 24 de maio de 2023. O Partido Popular asegura que “o BNG recolle no seu programa propostas que non responden ás necesidades actuais de Muras” como é o caso de converter a Casa de Rouco -cedida fai moitos anos ao Concello para fins sociais, como recoñece tamén o BNG- a un coworking ou espazo de oficinas para actividades empresariais.
Os populares condenan “a mala xestión” por parte do goberno local de “facer e desfacer”; e, sobre todo, que non teñan en conta aos veciños e veciñas. Segundo a candidata popular á alcaldía, Eugenia Requeijo, “a xente de Muras quere que a Casa de Rouco siga estando a disposición dos veciños -respectando a finalidade coa que foi cedida ao Concello- para casos de necesidade de persoas e familias de Muras con dificultades ou problemas puntuais de vivenda”. Iso é o que defende o Partido Popular.
Para o PP “non sentido que o BNG volva prometer o mesmo, despois de ter gastado 18.000 euros no ano 2022 na redacción do proxecto de reforma destas instalacións para solicitar axudas Next Generation que, finalmente, non lle foron concedidas”. Hai que ter en conta, a este respecto, “a mala xestión dos fondos europeos por parte do Goberno socialista de Pedro Sánchez e o desmesurado gasto que propoñía o goberno municipal de preto de 2 millóns de euros (1.850.000) para reformar esta vivenda”.
“O BNG non só demostra unha mala xestión -por gastar 18.000 euros en facer o proxecto desa reforma para, finalmente, non obter a subvención-; senón tamén que non coñece as necesidades de Muras nin a realidade dos seus veciños e veciñas”, segundo inciden os populares.
A candidata popular á alcaldía, Eugenia Requeijo, destaca que “o Partido Popular presenta un proxecto viable para gobernar Muras atendendo ás necesidades do noso concello e dos nosos veciños”. Nese sentido, defende que “temos os pés na terra de Muras”.
FALTA DE TRANSPARENCIA
A popular acusa tamén ao goberno local de “falta de transparencia”. Así o sinala despois de solicitar acceso ao expediente sobre a redacción do proxecto básico e execución da rehabilitación da Casa de Rouco -ao que ten dereito como concelleira da corporación municipal- e serlle notificado que non llo conceden ata despois das eleccións municipais. Concretamente, foi “emprazada para o luns 29 de maio na secretaría do Concello, en horario de 8:00 a 14:30 horas”.